Ares bota a ollada ao pasado para rememorar con orgullo o seu pasado indiano

Ares bota a ollada ao pasado para rememorar con orgullo o seu  pasado indiano
Ares indianos

O alcalde de Ares, Julio Iglesias, e a cónsul de Cuba para a zona norte de España, Yahima Martínez, inauguraron onte o II Ares Indiano, unha iniciativa impulsada polo Concello que, coa colaboración do tecido asociativo e da veciñanza, reivindica a pegada das aresanas e aresanos que se viron obrigadas a emigrar a América entre finais do século XIX e as primeiras décadas do XX e que decidiron investir no municipio, principalmente na educación, o patrimonio feito na diáspora.

A presenza da cónsul de Cuba, un país co que Galicia comparte lazos de irmandade, tamén por esta onda emigrante, sitúa a Ares no mapa indiano da península. Proba disto é o convite que recibiu o Concello para acudir á inauguración do XI Día del Indiano de Comillas, que terá lugar o vindeiro sábado, 31 de agosto.

Actividades 
A implicación da veciñanza, do sector do comercio e hosteleiro e das asociacións supera a do ano pasado. Desde hai un par de semanas, moitos establecementos mudaron de decoración para ambientarse na época indiana.

Hoxe sábado, no parque Rosalía de Castro, ubicaranse os Jardines La Tropical, en lembranza da sonada finca de cervexa do mesmo nome da Habana e que acollía as romarías dominicais que organizaban os colectivos galegos en Cuba, entre elas a Alianza Aresana. 

Haberá tamén para quen o desexe rutas en barco e roteiros guiados polo patrimonio indiano do concello nun bus clásico que percorrerá Ares, Redes e Cervás. A música non parará ao longo de toda a xornada até o momento álxido que protagonizará Roi Casal co seu espectáculo “Son galego, son cubano”. 

As actividades continúan mañá, o derradeiro día do II Ares Indiano.

Ares bota a ollada ao pasado para rememorar con orgullo o seu pasado indiano

Te puede interesar