Ánxela Loureiro: “Hai quen quere facernos crer que aquilo era unha ‘ditabranda’, e non, era moi dura”

A escritora ferrolá recibirá hoxe, xunto con Pilar Tellado e Ana Pardo de Vera, o premio da Fundación 10 de Marzo
Ánxela Loureiro: “Hai quen quere facernos crer que aquilo era unha ‘ditabranda’, e non, era moi dura”
Ánxela Loureiro, onte diante do monumento do 10 de marzo I Jorge Meis

A traxectoria e o compromiso polas liberdades e mais pola igualdade da profesora e escritora Ánxela Loureiro –Ferrol, 1956– serán recoñecidos hoxe pola Fundación 10 de Marzo cun dos tres premios –as outras dúas son Pilar Tellado e Ana Pardo de Vera– que concede cada ano coincidindo co aniversario dos tráxicos sucesos de 1972. 


Asegura Ánxela que aínda está asimilando o que considera unha “honra”, non só porque na relación de homenaxeadas nestes galardóns figuran persoas que admira, entre elas o seu pai, senón tamén porque coincide co 8-M. “Hai que seguir loitando pola igualdade, temos aínda moitas eivas dentro da sociedade, moita xente contraria a ela que non deixan de pór moitos atrancos. Hai que seguir loitando cada día”, apunta. 


O certo é que o posicionamento de Loureiro non se difuminou nin se perdeu polo camiño destes 53 anos. Máis ben ao contrario, pois ao longo da súa vida sempre quixo subliñar –principalmente na literatura infantoxuvenil– valores humanísticos e democráticos como a solidariedade, a igualdade e a fraternidade. Nos últimos tempos redobrou ademais a aposta polo público adulto. Da súa man saíron as “Voces da memoria con ollos de muller” (2019), o “Centro Social de Santa Mariña. Unha vítima do franquismo” (2022) ou a historia das leiteiras da parroquia de Covas que a finais do XIX e comezos do XX decidiron dicir basta.


“Deime de conta que había partes da historia que non se contaban”, explica Loureiro, “e estrañábame que non se contaran, así que foi entón cando me metín máis en profundidade para, cando menos, tratar de darlle voz a esas mulleres que coñecín e que eran unhas loitadoras. Malia todo iso, sen embargo, nos libros dedicábanlles unha páxina”.

 

Defende o peso que tivo no movemento que se xerou en marzo do 72 o Centro Social de Santa Mariña do Vilar.  
O Centro Social de Santa Mariña pechouse inxustamente. Alí había un interese enorme por que a xente do pobo tivese a cultura á man. O franquismo condenouno e, como conto no libro aportando datos, é a propia Policía quen mete propaganda ilegal para pechalo.

 

Que lembra daquel 10 de marzo de 1972?
Cumpría 16 anos pero fíxenme maior vendo tal barbaridade que se estaba cometendo. Foi un día de terror ao ver tantas persoas feridas. Dicían que se disparara ao aire, pero se dispararan ao aire non podían morrer dúas persoas e haber tantas feridas. Foi horrible, podía tocarlle a calquera, tamén da miña familia, pois tiña varios parentes naquela manifestación. E daquela non había móbiles para chamar e saber como estaban. Pero para min o 10 de marzo non foi só un día, foi toda unha época que comeza aí, nos disparos, e remata cando saen os últimos presos. Nese período houbo esas mortes, houbo feridos e houbo tamén moita represión. E, aínda por riba, logo de saír, houbo que vivir con esa etiqueta. Naquel momento culpábase ao movemento obreiro desas mortes. Os represores seguiron vivindo en democracia sen ningunha etiqueta, sen ter que cambiar o seu modo de vida. E non só iso: como nós non fomos revanchistas, cambiaron de chaqueta  e os herdeiros dos franquistas queren lavarlle a cara ao franquismo e van coa bandeira da liberdade. É o mundo ao revés.

“Dicían que se disparara ao aire: se fose así, non habería dous mortos e tantas persoas feridas. 
Foi horrible”

 

Que sente cando, tantos anos despois, hai persoas que mesmo se negan a recoñecer aquilo coma unha ditadura?
Hai quen quere facernos crer que aquilo era unha “ditabranda”, e non: era aínda moi dura. En 1975 foi o “Proceso dos 23”, no que se xulgou aos participantes no 10 de Marzo. Houbo folgas de traballadores, paros estudantís... Hai a penas dúas semanas que se cumpriron 50 anos en que os mozos fascistas naquel momento saíron a pegarnos con cadeas ás mulleres estudantes en Ferrol. O franquismo era moi duro naquel momento, non só pola represión por parte da Policía, senón porque había mozos fascistas aos que deixaban facer e desfacer. Aquel grupo pegounos diante da Policía e esta non só non interviu, senón que mirou para outro lado. E non só iso, senón que aínda por riba nos represaliaron: a min botáronme do instituto.

 

Daquel grupo de agresores, pasado o tempo, non houbo ningún que se achegase a pedirlle perdón?
Non. Houbo un, que non me pegou a min, que lle dixo a unha terceira persoa que mo contou, que se arrepentía moito daquilo. O que me agrediu a min, que logo ocupou cargos de certa relevancia pública en Ferrol, foi condenado por aquilo, aínda que a indemnización nunca a recibín.

 

Como ve a situación actual?
Sinto moito temor. Estamos no mundo ao revés. Mesmo temos que demostrar que o franquismo era fascismo, que eran tempos grises, que non había respecto polas mulleres, nenas por un lado e nenos por outro... Un mundo atrasado. Cando ás veces escoito que daquela había “traballo para todos”, non é certo: había traballo para o 50%, para os homes, e os que eran obreiros non se podían permitir mandar a fillos e fillas para estudar... E iso se non estabas nas listas negras, como era o caso do meu  pai. Hoxe estou moi preocupada por este rumbo que está tomando a sociedade, e por iso penso que é moi importante ter en conta a educación desas nenas e nenos, que sexan capaces de distinguir o que é ser boas persoas do que non o é, a diferencia entre ter unha sociedade xusta e non tela, que se mida nos patróns da solidariedade, da igualdade, da xustiza. Non pode ser que hoxe falen de liberdade pesoas que non cren nela e que intenten taparnos a boca a quen si o cremos. 

Ánxela Loureiro: “Hai quen quere facernos crer que aquilo era unha ‘ditabranda’, e non, era moi dura”

Te puede interesar