Andrés Medín, presidente da Asociación de Veciños San Xoán-Bertón, asegura que hai moito malestar no barrio polas molestias e altercados continuos na zona. O de onte é o último capítulo dunha novela moi longa.
Cal é o ánimo no barrio despois do último episodio?
Denunciamos 50.000 veces á Policía Local e á concelleira de Seguridade, por problemas que había neste barrio, aínda que eu non lle boto a culpa á discoteca, senón ao que pasa fóra. A discoteca pode ter parte da responsabilidade porque pecha á hora que marcha o último, cando hai un horario de peche e non ten que esperar a que saia todo o que vén do exterior e que o fai nunhas condicións lamentables. Levamos moito tempo denunciando estes problemas: hai pelexas un día si e outro tamén, os destrozos nesa zona do barrio son continuos e os veciños xa non poden máis. Aquí non se fai nada e hai que tomar medidas. Pasaron cousas moi graves e, polo que se ve, pasouse de todo. Iso non pode ser. Ten que haber mortes? Que ten que pasar? Este é un barrio tranquilo, agás esta zona. Pedimos vixilancia e hai tempo tivemos reunións coa Policía Local e coa Nacional, pero creo que non se están facendo as cousas que tiñan que facerse.
Debe haber unha maior presenza policial nas horas “críticas”? Hai efectivos suficientes para levar ese control a cabo?
A Policía anda escasa e non teñen nin os medios nin o persoal suficientes para estar aquí toda a noite. Pero si creo que, en primeiro lugar, deben respectarse os horarios. A discoteca ás 5.30 horas da mañá ten que pechar, coa súa media hora de desaloxo. Hai outro problema, que é o posto de hamburguesas que está aberto toda a noite e moita xente que vén aquí, pero, claro, vén como vén, moi tocada. E, despois, hai que respectar as normas e aos veciños, empezando polos horarios de peche. Non se pode consentir que peche cando sae o último. Se o fixera ás 5.30 horas con presenza policial, en media hora estaba todo desaloxado e non habería estes problemas.
Os domingos pola mañá isto é un inferno, e non pode ser. A xuventude ten dereito a divertirse e os veciños, ao descanso
Ten constancia de veciños que non soportasen a situación e dediciran marchar da zona?
O problema que temos cos veciños da prazoleta é que, os que veñen novos, pouco tardan en marchar. Os domingos pola mañá isto é un inferno. A xuventude ten dereito a divertirse, pero os veciños teñen dereito ao descanso tamén, e hai que compaxinar as dúas cousas. O local cumpre as esixencias, pero non o horario de peche. En seguridade, de portas para fóra non ten competencia e non pode facer nada, pero para iso estamos pagando todos os veciños uns servizos de seguridade. Porque isto non é un día; é todas as semanas e hai que cortalo xa. Cada vez vai a máis e non sei a que se espera. Estase desmadrando e hai que atallalo. A que esperamos?
Pedirá unha reunión co Concello e coa Policía Nacional?
Mañá –por hoxe– vou pedir unha reunión tanto coa concelleira de Seguridade como coa Policía Nacional. Mañá, sen máis demora, porque isto hai que atallalo xa. Dáme a impresión que non hai suficiente persoal de noite para atender todo o que pasa en Ferrol e, loxicamente, non van estar aquí todo o tempo, pero nós tamén pagamos por unha seguridade e polo dereito ao descanso, así que se teñen que poñer os medios.