Miércoles 12.12.2018
Xosé maría dobarro

A III Asemblea (LVIII)

O daquela editado como A Nosa Terra / Boletín Quincenal, de 30 de abril, baixo o título de “A III Asambleia Nazionalista Galega en Vigo”, ofrecía algo máis de información sobre o acontecido no plenario irmandiño que o aportado pola prensa diaria.

Valentín Paz Andrade
Valentín Paz Andrade

O daquela editado como A Nosa Terra / Boletín Quincenal, de 30 de abril, baixo o título de “A III Asambleia Nazionalista Galega en Vigo”, ofrecía algo máis de información sobre o acontecido no plenario irmandiño que o aportado pola prensa diaria. Despois de lembrar que as anteriores asembleas tiveran lugar en Lugo e en Santiago apuntaba:
“A planamaor do nazionalismo galego tivo agora en Vigo a sua xuntanza anual. Baixo a presidencia de D. Francisco M. Balboa, o primeiro industrial da nosa Terra conscientemente enxebre, capaz de sentimentos propios e de pensamentos propios, os millores poetas da Patria, xuntos con profesores e catedráticos, con xuristas, con escritores, con artistas, con estudantes, con obreiros..., ratificando o idearium do programa nazionalista de Lugo i-estudando os problemas mais esenciaes i-urxentes da Galizia deron un novo exempro de fe, tenacidade e cultura e cantos inda se non teñen decatado do moito que a todos interesa o conquerimento da nosa persoalidade nazonal esmorecida.
Pol-as as novas ruas de Vigo andivo rolando tres dias -que foron tres xornadas groriosas- a Galiza do porvire n’unha abrevatura de vountades representativas que a Historia cinguirá de loureiros. Nas pedras novas da nova cibdade de pedra, inda valeira d’idealismo, puxeron as arelas santas dos apóstoles do enxebre, com’o nimbo d’ámbare d’un sol nacente e criadore [...]”.
Acto seguido recollía os nomes dos asambleístas, un total de 39 de 14 localidades, que se supón terían algún tipo de actividade ou presenza na vida social, mais que esta non fose outra que a da valía do nome que as representaba. Son os casos de Cabanillas, no Porriño; Peinador, en Mondariz; López Abente, en Muxía; Banet Fontenla, en Monforte; Paz Andrade, en Lérez; Ramón Villar Ponte, en Viveiro ou Victoriano Taibo, en Ortigueira. En representación das entidades de maior poboación -chama a atención a ausencia de persoas de Lugo- atopamos, á parte dos da Coruña que xa citei nunha entrega anterior, atopamos nomes xa daquela recoñecidos, como Xesús R. Culebras, Risco, Otero Pedrayo Quintanilla ou Losada Diéguez, xunto anomes de rapaces das mocidades como o citado Paz, Andrade, Salvador García-Bodaño Fernández, Xavier Soto Valenzuela ou mesmo Manuel Antonio. A Irmandade de Ferrol estivo representada por Xaime Quintanilla e Roberto Blanco Torres. A continuación incluía unha relación -algo maior que a de asistentes- de persoas ou entidades que enviaran cartas ou telegramas de adhesión, entre elas as de algúns irmandiños moi activos ou mesmo dirixentes, como Ánxel Casal, Fernando Blanco ou Benito Ferreiro ou as de residentes fóra de Galicia, como os que xa nomeei de Madrid, Sinesio Fraga ou Fuco G. Gómez, da Habana, Xosé Ares ou Xosé Ví, de Buenos Aires “e moitos mais que agora non lembramos pro que cuase poderían encher as páxinas deste número”, dicía a publicación nacionalista.
A información do boletín recollía tamén as 25 conclusións aprobadas, que, como xa dixen, non coinciden ao pé da letra coas dadas a coñecer polos poucos diarios que tiveran a ben publicalas. Comezando polo idioma, xa que aquelas, como así mesmo indiquei, estaban en español, aínda que é posible que lles fosen así entregadas, e estas d’A Nosa Terra en galego, idioma oficial dos irmandiños. A primeira media ducia teñen que ver con aspectos organizativos e regulamentares das Irmandades:
“1.ª Os grupos nazonalistas que se vaian formando na Galiza deberán levar o nome de ‘Irmandades da Fala’. Os que xa hai feitos c’os nomes de ‘Mocedades Nazonalistras’ e outros o mais axiña posibre deberán trocar esos nomes pol-os de ‘Irmandade.
2.ª O Consello Permanente se dirixirá a todol-os escritores e artistas galegos preguntándolles a sua opinión respeito ao nazonalismo.
3.ª Todol-os nazonalistas serán suscritores ‘d’a NOSA TERRA’ por ser este o orgo das ‘Irmandades’.
4.ª Na NOSA TERRA farase unha folla na que se fale da autuación do Direitorio para coñecemento de todol-os afiliados.
5.ª Todol-os nazonalistas residentes onde non haixa ningún grupo constituído contribuirán co’a cuota mínima d 2 pesetas mensuaes ao sostenimento do grupo de Ourense os d’esta provincia e Pontevedra e os da de Lugo e Cruña ao grupo d’esta.
6.ª Sin que esta resolución implique modificación no regramento, a Asemblea acordou nomearaté a próisima un Consello Permanente integrado pol-os irmáns Antón Villar Ponte, Manuel Banet Fontenla. Vicente Risco e o 1.º Conselleiro da ‘Irmandade’ da Cruña.
O Direitorio fixará axiña as atribuciós que ha de ter este Consello”.
É preciso ter moi presente a composición deste Consello Permanente para poder entender os acontecementos que sucederon a curto prazo e que acabaron coa quebra da organización na IV Asemblea que se habería celebrar en Monforte no ano seguinte. A situación de partida daba maior representación á Irmandade coruñesa, cousa lóxica se atendemos a que era a que tiña maior afiliación, superior á do resto das Irmandades xuntas. Mais había outro tipo de afinidades que ían máis aló das meramente xeográficas.
Viñan despois un grupiño de conclusións relacionadas co agro. A 7.ª referíase á tan reclamada, desde había anos, redención dos foros e deixaba claro que “o Nazonalismo galego ve con simpatía a resistenza dos labregos ao pago das rendas por considerar que este será o único xeito de obrigar ao Estado hespañol a que redima os foros con fondos do presuposto, únca solución adoitada aos tempos. Na 8.ª reclamábase a urxente liberación de calquera gravame sobre a terra. A 9.ª pedía a entrega para a súa explotación das terras incultas que era propiedade do Estado así como a adopción de medidas que acabasen co absentismo dos propietarios.
Coa finalidade de mellorar a situación do agro e do mar, a 10.ª daba conta de que se nomearan “duas ponencias encarregadas de facer un amplio programa agrario e mariñeiro. Compoñen a agraria os irmáns Luis Peña Novo, Antón Lousada Diéguez, Arturo Noguerol e Francisco Vázquez Enríquez. A mariñeira Valentín Paz Andrade, Ramón Cabanillas, Xosé Rodríguez de Vicente e Manuel Lustres Rivas. Os dous programas serán feitos no prazo d’un mes e enviados ao Consello Permanente”.
A continuación viñan unha serie de conclusións referidas a asuntos que non tiñan maior relación entre sí:
“11.ª Pedir que todol-os impostos sexan sustituídos por un imposto único sobre da riqueza.
12.ª Intervir nas eleicións dos Concellaes, Diputados Provinciaes e Diputados a Cortes.
O Direitorio acordará en que casos hase de intervir direitamente.
13.ª Sin o ordene o Direitorio, ningún afiliado nin grupo nazonalista pode axudar a ningún partido político.
14.ª Encarregouse ao irmán Vicente Risco que faiga un amplio e completo plan pedagóxico das ‘Irmandades’. Deberá facel’o n’o prazo d’un mes e remitilo ao Consello Permanente.
15.ª Pedir as cátedras de Filosofía e Cencias na Universidade de Santiago. Implantación d Nocións de literatura galaico-portuguesa nos Institutos e Escolas Graduadas e creación en Vigo da Universidade Industrial e Mercantil.
Acordouse tamén unha intensa campaña n’este senso.
16.ª Nomeóuse unha ponencia composta pol-os irmáns Ramón Cabanillas, Antón Villar Ponte, Xoán V. Viqueira e Vicente Risco para chegar á uniformidade do idioma.
Creo que calquera que fixese daquela ou faga hoxe unha lectura, por moi superficial que for, deste conxunto de conclusións ve con claridade o peso que estaba collendo Vicente Risco no organigrama irmandiñ. O que ata ese momento non pasara de ser autoridade intelectual estaba a converterse tamén en autoridade organizativa.

Comentarios