PONTEDEUME | Bernardo Fernández (PSOE): “O noso equipo de goberno deu o dó de peito para seguir avanzando nun Pontedeume máis habitable”

PONTEDEUME | Bernardo Fernández (PSOE): “O noso equipo de goberno deu o dó de peito para seguir avanzando nun Pontedeume máis habitable”
Bernardo Fernández aspira á reelección como alcalde de Pontedeume

Logo de dúas maiorías absolutas nos comicios de 2015 e 2019, Bernardo Fernández (Pontedeume, 1981) aspira á unha terceira victoria solvente “non polo tema de ego, senón polo que iso supón no día a día da xestión municipal, xa que che permite levar adiante o teu proxecto sen ter interferencias doutras formacións políticas máis alá das propostas que fagan, porque, loxicamente, tamén escoitamos á oposición”, di. Unha oposición que, ao seu xuízo, “podería ter dado máis de si e, algún dos grupos, ter nalgúns casos unha oposición un pouco máis responsable”. 

 

Asegura que o seu equipo “deu o dó de peito” en todas as áreas nestes últimos anos para seguir avanzando nun Pontedeume “moito máis habitable e atractivo para que aquelas persoas que están buscando un lugar para vivir poidan desenvolver o seu proxecto vital aquí”. Considera que o último mandato foi o máis difícil da historia da democracia por mor dunha pandemia que paralizou ao país e para “a que non tiñamos un manual para saber como xestionar”. O seu goberno dedicouse dous anos “a garantir por enriba de calquera outra cuestión, a seguridade dos nosos veciños e veciñas”. Logo chegou a guerra de Ucraína e o incremento dos prezos dos materiais de construción, “que nos obrigou a facer moitos axustes de carácter orzamentario”. 

 

Con todo, “penso que cumprimos cos obxectivos que nos tiñamos marcados para esta lexislatura, sacando adiante proxectos moi importantes para Pontedeume”, di. Entre eles, enumera, conquerir máis zonas de estacionamento para vehículos; a renovación da rede xeral de abastecemento de auga que daba servizo ás parroquias de Centroña e de Boebre; a recuperación de antigas escolas unitarias para convertilas en locais sociais; ou diferentes proxectos de promoción turística da vila “que están a funcionar moi ben”, sobre todo a promoción do Camiño Inglés, cun incremento de visitantes dun 30%. 

 

As mellora das infraestruturas do casco histórico, a creación de parques infantís no rural; o pulo ás actividades culturais e ao benestar social; a inauguración da nova escola infantil así como a construción da grada no campo de fútbol e o acceso a este desde o paseo marítimo foron outras das actuacións desenvolvidas. Seguir incrementando as prazas de aparcamento ou a ampliación do polígono industrial de Vidreiro, que poida ser un polo de atracción e polo tanto de emprego para a vila, son algunhas das cuestións ás que lles darían prioridade en caso de volver gobernar outros catro anos.

PONTEDEUME | Bernardo Fernández (PSOE): “O noso equipo de goberno deu o dó de peito para seguir avanzando nun Pontedeume máis habitable”

Te puede interesar