Os catro candidatos do pleno miden forzas no primeiro debate electoral

Os catro candidatos do pleno miden forzas no primeiro debate electoral
Jorge Suárez –FeC–, Iván Rivas –BNG–, José Manuel Rey –PP– e Ángel Mato –PSOE–, no acto celebrado na tarde de onte en Canido | jorge meis

Tres alcaldes (José Manuel Rey, Jorge Suárez e Ángel Mato) e un candidato que opta por terceira vez ao goberno ferrolán (Iván Rivas) sentáronse onte en altos taburetes no Centro Cívico de Canido respondendo á solicitude das entidades culturais e sociais do barrio para participar no primeiro debate electoral dunha precampaña que por fin arranca, no medio de moita incerteza respecto ao resultado que depararán as urnas. Os catro estiveron este último mandato no pleno municipal e como postulantes dos únicos partidos con representación na praza de Armas acudiron á chamada. As demais listas terán tamén o seu oco, unha vez se peche o período de presentación e se coñezan cantas formacións optan ao goberno. Neste caso convocaranse para o 12 de maio, nun formato “pecha kucha” e con opción a preguntas da cidadanía.


Rey (PP), Mato (PSOE), Suárez (FeC) e Rivas (BNG) teñen ampla experiencia municipal e en campañas e coñécense de sobra. Por iso a conversa ofreceu poucas novidades, con discursos e propostas que se asemellan aos que defenderon durante este tempo no salón de plenos, con pouca interacción entre eles, colocando todos as súas mensaxes, bastante “fair play” e un cumprimento escrupuloso das normas do evento, que incluían un primeiro bloque con catro preguntas con tempo para resposta e réplica e un segundo no que eran os candidatos os que se lanzaban cuestións os uns aos outros –coñecidas desde horas antes, polo que ningúen foi collido por sorpresa–.


No Centro Cívico non cabía unha agulla, aínda que a maior parte do público eran concelleiros, membros das listas ou simpatizantes dos partidos –ao mesmo tempo celebrábanse neste lugar unha festa e o ensaio dun coro–.

 

 

Servizos municipais


A xestión dos servizos municipais e da plantilla escasa do Concello ocupou a primeira pregunta. Rivas apostou pola remunicipalización e o abandono dun modelo de xestión privada “no que o servizo cada vez é peor e a situación dos traballadores é máis precaria”. Suárez subliñou o déficit estrutural de falta de persoal e plantexou como primeira tarefa do novo goberno “solucionar ese problema e crear unha Relación de Postos de Traballo estable e de consenso con todos os grupos”. Mato tamén identificou a carencia de persoal como “o principal problema que ten o Concello” e demandou un “gran acordo entre todos os grupos”. Rey Varela referiuse ao lastre da falta de orzamentos, de RPT e de ordenanzas fiscais actualizadas e comprometeuse a darlles saída nos primeiros cen días se chega ao goberno.

 

Ángel Mato (PSOE): “A cidade hoxe ten máis vida que a que tiña hai catro anos e temos que seguir nesa mesma liña”


Sobre proxectos a longo prazo e acordos políticos, Jorge Suárez lembrou que os programas son similares e hai espazo para acordos. “Cando as medidas son positivas para Ferrol, nós non temos dúbida en apoiar”. Ángel Mato centrouse tamén no consenso co que se sacaron adiante proxectos como a remodelación das Pías e o convenio de Defensa e instou a “poñer á cidadanía por riba dos intereses políticos”. Rey foi crítico con tantas “buenas palabras”, e insistiu en que “la experiencia y la realidad de lo que ha sido Ferrol en los últimos años es que no lo hacemos” y por eso “necesitamos una mayoría para que los temas estratégicos de ciudad no se paren”.  Rivas negou que houbera inestabilidade e apuntou que as diferenzas entre PP e PSOE son moi pequenas e, sobre acordos, apuntou que “a política é diálogo”.

 

José Manuel Rey (PP): “Quiero una mayoría para que nos respeten, para que respeten a Ferrol y le den lo que le corresponde"
 

 

 

Sánchez Aguilera


O futuro para o Sánchez Aguilera tamén deixou claras as propostas dos partidos, desmarcándose claramente o BNG (que votou en contra), que aposta por unha zona verde para todo o espazo; e con FeC denunciando que se poida dar un “pelotazo” urbanístico coa construción dun aparcamento, dun centro comercial ou de vivendas. Mato e Rey insistiron nas posibilidades que se abren para unha parcela maioritariamente municipal e na que se poden construír inmobles para alugueiros asequibles, residencia universitaria, edificios de xustiza, un parque ou empregarse para unha estación intermodal, entre outros fins.

 

Jorge Suárez (FeC): “Combatiremos sempre o pesimismo, a cidade progresa, e moito. Creo que o tempo das maiorías absolutas xa rematou”


A última pregunta centrouse no futuro, e deu pé a esbozar ideas-forza que serán reiteradas na campaña e que pasan polo emprego (con mencións á construción naval, ás posibilidades da eólica mariña, ao crecemento do porto ou ao turismo), a loita contra o declive demográfico, o medio ambiente, as infraestruturas de transporte público ou a habitabilidade dunha cidade que vive agora un momento doce pola carga de traballo no estaleiro pero que debe aproveitar esa onda favorable para medrar.

 

Iván Rivas (BNG) “Eu non vexo inestabilidade por ningún sitio, outra cousa é que o proxecto político non nos guste”


No segundo bloque, os candidatos preguntáronse entre eles sobre todo con quen ían pactar se fose preciso –cuestión solventada con respostas esquivas, todos saen a gañar e a liderar–, se ían entrar en gobernos en coalición e, a maiores, a posición sobre a eólica mariña, o futuro do edificio de suboficiais de Canido ou as diferenzas existentes entre un goberno do PP e outro do PSOE.


As recriminacións, escasas, centráronse sobre todo na xestión dos tres mandatos anteriores (PP, FeC e PSOE) á hora de solucionar problemas estruturais. 

Os catro candidatos do pleno miden forzas no primeiro debate electoral

Te puede interesar