Juanma Marrube: “Temos que ter tranquilidade para non perder o rumbo”

Juanma Marrube: “Temos que ter tranquilidade para non perder o rumbo”
Marrube, durante o encontro ante o Alzira | jorge meis

Dentro do playoff e con catro puntos de marxe sobre o sexto clasificado, O Parrulo de Juanma Marrube afronta os últimos once partidos da liga regular na posición desexada a comezos da tempada. Cómpre analizar as cousas con certa perspectiva para non caer no erro de xulgar só o inmediato.

 

Semella que o equipo está inmerso nunha grave crise cando a realidade é que nas últimas xornadas só perdeu en Burela e ante Peñíscola. Dramatízase demasiado?
Eu creo que as cousas hai que analizalas de forma global. Está claro que hai dúas realidades que non se poden negar: unha, os resultados dos últimos cinco partidos e, outra, que es cuarto clasificado. A comezos de tempada todos queriamos estar pelexando onde estamos. Penso que hai que ser equilibrado cando se xulga e non podes ser excesivamente pesimista cando as cousas van mal nin excesivamente optimista cando van ben. Xogamos tres partidos fóra (Leganés, Burela e Zaragoza) e dous na casa. Destes empatamos co Barça Atlètic, que puidemos gañar, e co Peñíscola, que está un chanzo por riba do resto. Si nos gustaría ter máis puntos, pero a realidade é que estamos cuartos.

 

Como chega o equipo a esta fase decisiva da liga?
O equipo está moi concienciado, tanto dos últimos resultados como de onde estamos. Moitas cousas dependen de nós e o obxectivo é manter esa posición na que estamos e tratar de escalar.  O calendario no comezo das dúas voltas é complicado, pero, en liñas xerais, somos un equipo moi fiable na casa. Temos que ter tranquilidade para seguir avanzando no camiño marcado, non podemos perder o rumbo.

 

Se tivera que resaltar un aspecto positivo e outro negativo do que vai de campaña, cales diría?
Como mellora, diría sacar máis partidos fóra da casa, pero coido que iso lle pasa a todos os equipos. E no positivo, seguir mostrando a fortaleza na Malata, que vai ser fundamental no que queda porque, ademais, nos quedan máis partidos na casa que fóra.

 

Que sensacións ten cando xoga na Malata, unha das afeccións máis entregadas do fútbol sala español?
Sempre dixen, tanto sendo rival como agora dentro, que o factor A Malata é un activo moi importante do club, igual que o é a base. Ese ambiente e tradición de fútbol sala que hai na comarca é algo que fai moi grande o club e este deporte e facilita a posibilidade de medrar.

 

Como é ter ás súas ordes un xogador do nivel e a traxectoria de Adri?
Temos unha boa relación. No pasado fomos compañeiros en Lugo e a bagaxe cultural e deportiva que ten apórtanos moitas cousas, sobre todo para os rapaces da casa, para os que tamén é un referente no sentido de axudalos e poder mostrarlles o camiño. Loxicamente, Adri é outro activo do club e como técnico é unha sorte poder adestrar un xogador destas características.

Juanma Marrube: “Temos que ter tranquilidade para non perder o rumbo”

Te puede interesar