Alberto “Eclise” Hermo: “Os que sexan máis duros de cabeza aguantarán”

Alberto “Eclise” Hermo: “Os que  sexan máis duros de cabeza aguantarán”
O boirense afronta na entidade local unha das súas tempadas máis complicadas | cra

A súa chegada ás filas do Remo Ares fai dúas tempadas saldouse co xa coñecido regreso da “Santa Olalla” á elite do remo nacional, a Eusko Label Liga, despois de coroarse como campión autonómico –sumando nove bandeiras– e vencer no play-off disputado nas augas vascas. Agora, o boirense Alberto “Eclise” Hermo prepara, desde a casa dos seus sogros en Rianxo onde está a vivir esta larga corentena, a que parece vai ser a tempada máis complicada, non so para os seus remeiros, se non para toda unha competición. Unha cita cuxo futuro podería decidirse a principios de abril, nunha asamblea na que, como non podía ser doutro xeito, tratarase a disputa ou non da liga estatal máis importante da modalidade. 

A pregunta non por obvia é menos necesaria, pero como leva a situación e que se aumentase o tempo de confinamento?

Complicado, é unha situación moi complicada pero hai que poñerlle boa cara. E eu creo que van ser algunhas semanas máis, hasta finais de abril, non sei, pero ou moito me engano... é unha situación difícil para todos e sobre todo difícil de dixerir polo feito de que nos cambia todo. Sobre todo a min, para planificar todo... é unha barbaridade.

Nunha pretempada na que xa se da, aínda que non de maneira oficial, por finalizados os bateis e queda por ver como van ser as traineriñas... como vai a súa preparación nestas circunstancias?

A traineriña si que axuda bastante para competir e eu creo que chegaranse a suspender, basicamente por cuestións de espazo, de datas. Entón, é complicado porque nos colle na peor etapa da pretempada a todos. Agora estamos na etapa de traballar en grupos especializados en función da fisioloxía de cada remeiro, diferentes cargas, axustes... e isto condicionou bastante, sobre todo á hora de axustar os aspectos técnicos. E como dicía hoxe pola mañá nunha entrevista, un compañeiro meu, adestrador de Meira, quen agora tiña un ergómetro na casa tiña un tesouro. 

Nós, o clube, o día antes de facer o CR repartimos ergómetros para tódolos sénior, algúns en mellores condicións que outros. e algúns están adestrando en condicións bastantes pésimas, porque os ergómetros son os que hai. A verdade e que o clube fixo este ano unha inversión grande en maquinaria, pero non chega a tempo. Hai que adaptarse ao que hai, e é difícil, sobre todo porque o ergómetro é unha máquina que se apura moito, moi estresante, moi importante á vez, pero moi estresante.

E que tampouco se pode preparar unha liga so con ergómetros...

Exactamente. O remoergómetro é unha parte principal da preparación, sobre todo en inverno, pero si que estabamos deixando eses dous ou tres días para traballos de auga, que realmente é o que nos gusta a nós. E agora, ao ter que modificalo todo, é moi complicado. Estamos no punto no que creo que vai ser unha selección natural, os que sexan mais duros de cabeza aguantarán, e os que non váiselles facer moi duro. 

E como se prepara unha liga nesta situación?

En principio estabamos traballando en grupos específicos, e agora houbo que reaxustar todo. O preparador físico e eu botamos moitas horas, moitos días para facelo, e faise telemáticamente unha planificación semanal, e ímolos controlando diariamente con envíos, cada un ten o seu pulsímetro, cos seus datos. Ao final intentas controlar todo pero é moi difícil, intentamos facelo un pouquiño ameno, meter algún exercicio distinto, algo de cinta, de elíptica... ao final somos remeiros, e o que queremos é remar. Costa, costa moito.

Como vostede indicaba antes, quizá costa máis a nivel mental, non?

Eu creo que é o máis complicado, a nivel mental, porque entran moitas dúbidas. Vemos que a situación que hai no país non é boa, cada día vai empeorando, e sempre che queda esa dúbida, de se isto vai para adiante, vai para rato, se non vai... Ao final, as cousas son así, e hai que falalas claras desde o principio, e hai que poñerse en tódolos escenarios posibles, e un deles é que non haxa liga, é así. 
É unha liga privada, son empresas privadas cos seus cartos, e son os que decidirán. Hai varias opcións e a día de hoxe hai tres escenarios posibles: O primeiro, que se demore o inicio da liga e que se termine un pouquiño mais tarde, a finais de septembro e outubro. O segundo, que se acurten os prazos e se sacrifiquen regatas, por así dicilo. E o terceiro,  que non haxa liga. 

Está a falar de que é moi difícil que a Eusko Label poida comezar cando estaba prevista...

É complicado. A nivel persoal, creo que as datas son complicadas de cumprir, porque o comezo da liga estaba para o 21 de xuño e a min paréceme un pouco precipitado visto como esta isto. Creo que o confinamento vámolo ter ata finais de abril... non o sei. E despois, independentemente de que acabe, non creo que nos permitan grandes aglomeracións de xente. Porque realmente non é que levanten o veto, o estado de alarma, é que levanten o veto ás competicións deportivas e aglomeracións. Iso é o complicado. 

E todo isto chégalles nunha campaña de regreso a elite e de moitas renovación no plantel. Como se manexa iso?

Este ano tivemos unha pequena renovación de plantilla, foi un pelín amplia pero quizais necesaria. Tivemos seis baixas con respecto ao ano pasado, non foron moi relevantes no aspecto de que, por exemplo, do equipo co que ascendemos o ano pasado so tivemos unha baixa. A verdade é que intentamos reforzar un pouquiño máis o equipo, con xente que nos dea un pouquiño máis de calidade. Á xente de fóra leva tempo acoplalos e facelos entrar na nosa dinámica. E isto córtanos bastante, porque estabamos nesa fase de acabar de acoplar e agora haberá que empezar de cero. 

Que mensaxe de ánimo lle da os seus remeiros para que tiren para adiante?

Creo que unha das cousas que máis nos representa é que somos moi traballadores. O noso é un equipo bastante limitado, con respecto a outros equipos, e o que nos diferencia é a capacidade de traballo. Demostrámolo o ano pasado coas situacións extradeportivas que tivemos, soubémonos illar en todo momento e conseguímolo sacar adiante. O que lles digo é que hai que seguir, tirar para adiante. Non nos queda outra, non hai máis opcións. Moitos preguntan ‘é que facemos?’, e non hai máis que facer, hai que facer iso, tirar e pensar que todos estamos igual e deixar que pasen os días. O noso lema é ‘xa queda un día menos’.

Alberto “Eclise” Hermo: “Os que sexan máis duros de cabeza aguantarán”

Te puede interesar