A delegación galega no 24 congreso de UNIMA, celebrado en Chuncheon (Corea do Sur) entre 26 e 30 de maio, remata a súa estadía no encontro a conseguir unha importante proxección para o títere tradicional galego. A presentación do proxecto de recuperación do títere tradicional do noso país, e en particular do personaxe de Barriga Verde, obtivo múltiples eloxios de representantes de diferentes países. Segundo explica Comba Campoi, presidenta da AC Morreu o Demo "achegáronse moitisimas persoas para parabenizarnos pola presentación que fixemos na recollida dos recoñecementos ao traballo polo patrimonio titiriteiro. Contactmos con membros de Canadá, India, Australia, Estados Unidos, California ou Turquia, e recibimos tamén felicitacións por parte de membros da propia directiva de UNIMA".
A proxección internacional do títere galego no encontro deu tamén no reparto de múltiples dossieres en inglés que explican a historia de Barriga Verde e resumen o traballo da AC Morreu o Demo. Este material imprimiuse co apoio da Deputación de Pontevedra. Ademais, tamén se distribuíron diferentes exemplares do DVD do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta. Neste filme dirixido por Pedro Solla e publicado por Morreu o Demo e Urco Editora, amósase a situación do patrimonio titiriteiro galego e a súa relación coa tradición europea dos títeres de cachaporra. Diferentes festivais de títeres internacionais amosaron o seu interese por proxectar esta produción nas súas vindeiras edicións, como por exemplo o festival PuppetOscope, especializado en filmes sobre monicreques, de Nova Delhi (India).
A presenza das representantes da AC Morreu o Demo no congreso, que foi posible mercede ao patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, permitiu tamén realizar encontros directos coa directiva de UNIMA, a incluír o representante español neste organismo internacional, Rolle Pierrev, o cubano Erduyn Maza ou Omar Javier Alvarez da Arxentina, así como a presidenta saínte da entidade, Karen Smith.
As iniciativas de recuperación do títere tradicional galego espertaron o interese de propostas similares noutros países, como a que desenvolve Gianluca di Matteo en Italia, que traballa con crianzas e persoas con diversidade funcional nunha liña similar ao proxecto Da Barraca á Aula da AC Morreu o Demo. Tamén se intercambiaron experiencias con outras propostas galardoadas polo seu traballo na recuperación do patrmionio titiriteiro, como é a proposta de Nova Zelandia para recuperar o títere maorí. Tamén se estableceu contacto con Mareike Gaubitz, responsable do centro de documentación das formas teatrais tradicionais alemás, para emprender un proceso para o recoñecemento internacional da tradición de títeres europeos.
Á cerimonia de entrega dos recoñecementos asistiron persoalmente recoller o galardón, ademais das representantes da asociación cultural Morreu o Demo, Roberta Colombo, de Ravenna (Italia), Tsujimoto Kazuhide, Nakauchi Masako, Minami Kimiyo e Nishikawa Koryu do Xapón; Daejin Eum, Ki-moon Nam e Jeong-Im Park de Corea do Sul; Alejandro Jara de México e James Webster de Nova Zelanda.
UNIMA Internacional, ONG asociada á UNESCO que integra proxectos a nivel global arredor do títere, outorgou o seu Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro aos seis membros fundadores da Asociación Morreu o Demo, proxecto galego que traballa pola recuperación do títere tradicional do país e, en particular, do coñecido personaxe Barriga Verde. A entidade fai parte así desta listaxe que recoñece un total de 37 propostas de todo o mundo.
O comité destacou do traballo de Morreu o Demo "a gran contribución ao coñecemento e apreciación da arte da marioneta a través da recuperación da marioneta tradicional galega Barriga Verde, popularizándoa e dándoa a coñecer". A asociación convértese así na primeira e, polo momento, única presenza galega nesta listaxe. Ao se entregar a persoas físicas, o recoñecemento recolle os nomes de Pilar Álvarez, Xulio Balado, Comba Campoi, German Ermida, Anxo García e Xaime Iglesias, persoas dedicadas á investigación e á divulgación do patrimonio titiriteiro galego que botaron a andar este proxecto en 2013. A Asociación quere facer extensivo este recoñecemento ao medio cento de socias e socios que a conforman na actualidade e mais a todas as persoas que colaboran e apoian o proxecto.
Segundo indica UNIMA, este certificado "recoñece o traballo das persoas que ou ben teñen dedicado as súas vidas á protección, divulgación e/ou investigación do patrimonio das formas titiriteiras ou daqueles mozos que están traballando activamente protexendo, difundindo ou desenvolvendo o patrimonio titiriteiro e que amosan unha firme promesa de continuidade na investigación e expansión deste patrimonio". A concesión do Certificado, sen dotación económica, implica tamén unha entrada na Enciclopedia Mundial da Marioneta (WEPA), base de datos que recolle as principais iniciativas arredor dos títeres a nivel internacional.
Morreu o Demo naceu en 2013 da man dun grupo de persoas dedicadas á arte dos títeres e á investigación deste patrimonio. Desde entón, desenvolveu publicacións como a do DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta, a exposición Barriga Verde. De feira en feira, que acumulou máis de 15.000 visitas en diferentes localidades galegas e foráneas, ou o proxecto didáctico Da Barraca á Aula, que achega o títere tradicional a centros de ensino de todo o país desde 2019.
Ademais, desenvolve desde o ano 2016 o festival Titiriberia, único da Península centrado no títere tradicional, radicado actualmente en Rianxo. No marco deste promoveu a creación de espectáculos de títeres tradicionais da man de diversas compañías galegas, a apoiar a recuperación de diferentes versións de Barriga Verde actualmente en activo. Canda a accións formativas para profesionais do sector, no marco da Escola de Títeres Barriga Verde, a Asociación programa tamén a presenza da recreación da Barraca de Barriga Verde vencellada a diferentes feiras e festas populares, como a Feira Cabalar de Francos, en Teo, ou as Festas da Ascensión en Santiago de Compostela. Ademais desenvolve diferentes iniciativas de recuperación da memoria sobre o títere tradicional e as feiras populares.
Barriga Verde foi o títere máis popular da Galiza no século XX. Da man da familia Silvent percorreu feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”.
Ademais, supón a nosa forma autóctona dunha antiga tradición de títeres que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella. A colaboración da familia Silvent, que custodia aínda as pezas orixinais do espectáculo, resultou imprescindible para desenvolver o traballo de recuperación da Asociación Morreu o Demo.