Nos mosaicos antigos cada tesela, por pequena que sexa, cumpre unha función no conxunto. Pezas individuais, con formas e cores propias, integradas nun todo. Así como o artesán escolle e sitúa cada peza, o escritor escolle e sitúa as palabras e as pausas para manter o ritmo, a tensión e o equilibrio narrativos. Cando o relato acada esa integración, o lector non ve as teselas soltas, senón a imaxe completa axustada con intención e oficio. A arte de contar reside, pois, na arte de compoñer: de facer dos diversos fragmentos unha unidade harmoniosa.
En “Somos o que imaxinamos” (Alberto González Garcés. Medulia Editorial, 2025) batemos con ficcións puras (como a de Ilaria de Carretto; con reflexións (como a do Cuco en Kyoto e o fermoso haiku de Basho: “Estou en Kyoto /cando canta o cuco/ a soñar en Kyoto”; con “lecturas, viaxes…”. E a argamasa que une esa pluralidade heteroxénea, é a imaxinación: porta aberta, pasaxe secreta cara mundos que só existen na mente pero que latexan no interior. A imaxinación eslúe límites, anula fronteiras, abre espazos.
Abonda con pechar os ollos para comezar unha viaxe con pasaporte ao descoñecido. A cabalo da imaxinación visitamos lugares que nunca pisaremos. Paisaxes ensoñadas, personaxes inventados, conversas imaxinadas..., permiten vivir varias vidas nunha mesma vida. A imaxinación, a viaxe e o soño son fíos dun mesmo pano: o da creatividade literaria, capaz de tecer un mapa invisíbel no que cada persoa é exploradora de si mesma. Nesa xeografía inconclusa e indefinida, nese espazo entre o real e irreal, todo é posíbel.
Alberto González Garcés é un prestixioso científico. Así o avala a súa traxectoria, os cargos de responsabilidade e os valiosos estudos. Investigación científica e imaxinación téñense percibido, sen razón, como entidades antagónicas. Toda descuberta comeza cunha pregunta e toda pregunta nace dun acto de imaxinar o que aínda non se coñece, pero que podería ser. Ao igual que o artista, o científico é un soñador. Observa a realidade, pero non se conforma co que ve. Pregúntase o porqué das cousas e se poderían ser doutra maneira. Na historia da ciencia, os avances máis revolucionarios xurdiron moitas veces de intuicións que se tildaron de absurdas.
Imaxinación e experiencia son, por tanto, forzas que se retroalimentan. A experiencia proporciónanos o coñecemento do vivido, do que percibimos e comprendemos a través dos sentidos. A imaxinación, permítenos ir máis aló, abrirnos a outras posibilidades e reformular o coñecido: Un neno que ve por primeira vez o mar pode logo imaxinar illas, aventuras, abordaxes, naufraxios, monstros mariños. Un adulto que sufriu a perda dun ser querido pode recrear encontros e escenas nas que ese ser querido continúa presente.
A experiencia sen imaxinación conduciríanos á rutina; a imaxinación sen experiencia, á fantasía baleira. Vivir é dar forma a aquilo que antes fomos quen de imaxinar. “Así é a vida: somos o que imaxinamos”, conclúe Alberto González Garcés.