A palabra 'lubre' entra no Dicionario da Real Academia Galega a proposta de Luar Na Lubre

A palabra 'lubre' entra no Dicionario da Real Academia Galega a proposta de Luar Na Lubre
Luar na Lubre

A Real Academia Galega vén de confirmar a incorporación da palabra “LUBRE” ao seu dicionario despois de que o Seminario de Lexicografía da institución ratificase a decisión o pasado 21 de maio.

 

A proposta de inclusión no Dicionario da palabra “LUBRE” fora trasladada polo líder e fundador do grupo ‘Luar Na Lubre’, como un xeito de recuperar e recoñecer o valor histórico e literario do termo que conforma, tamén, o nome desta formación musical xa emblemática.

 

Bieito Romero atopouse por primeira vez con esta palabra refollando o dicionario de Xosé Luís Franco Grande (publicado pola editorial Galaxia en 1968), alá polo ano 1986, cando fundou o grupo.

 

Precisamente polo vínculo con Vigo, tanto de Franco Grande como de Galaxia, a iniciativa para lograr esta incorporación ao galego normativo arrancou na cidade olívica, onde a banda deu un concerto o pasado 15 de febreiro. Días antes da actuación, Bieito Romero foi recibido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen tamén amosou publicamente o seu apoio á iniciativa de inclusión desta palabra, que agora se converte en realidade.

 

Así, segundo a definición recollida pola RAG, lubre (s.m. ou s.f.) significa: “Bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos” e inclúe como exemplo a frase: “Sentíronse grandes brados nos lubres silandeiros”. É, practicamente, a mesma definición incluída por Franco Grande no se dicionario.

 

Despois de recibir a nova, o líder de Luar Na Lubre, Bieito Romero, amosa a súa satisfacción: “Logo de ter presentada hai uns meses a iniciativa para que a palabra lubre fose agregada ao Dicionario da Real Academia Galega, o día 21 de maio recibimos a boa nova de que xa é oficial a súa incorporación. Dende Luar Na Lubre estamos congratulados de que a Real institución fose sensible á incorporación deste termo histórico e literario da nosa lingua e dámoslle as grazas a todos e cada un dos membros polo feito.”

A palabra 'lubre' entra no Dicionario da Real Academia Galega a proposta de Luar Na Lubre

Te puede interesar