Profesorado e alumnado responderon activamente a unha nova convocatoria, e xa van 25, do Correlingua, que ao longo de todo o mes de maio reuniu nas súas festas finais a máis de 14.000 estudantes de 171 centros de ensino de toda Galiza, con participación de todas as etapas desde Infantil á Formación Profesional. As celebracións tiveron lugar na Coruña, Monforte de Lemos, Cangas, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Ourense, A Estrada, Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra.
As actividades comezaron cunha marcha cun percorrido marcado en cada localidade, dividíndose nalgún caso por cuestións da idade da rapazada en varias quendas, que remataba sempre coa lectura do Manifesto a favor da lingua galega, elaborado por alumnado participante nos obradoiros "Desata a lingua", impartidos por escritoras galegas durante o curso.
Este ano o lema que vertebrou toda a campaña do Correlingua foi "A mocidade activa por unha lingua viva", co que se pretendía destacar o papel da infancia e xunventude como axentes fundamentais na defensa e futuro do noso idioma. O feito de que a participación fora tan elevada nun momento de emerxencia lingüística e no que a pervivencia do galego está en cuestión demostra que tanto profesorado como alumnado non se renden e que asumen con orgullo a promoción da nosa lingua dentro e fóra do sistema educativo.
Tras a lectura do manifesto, en todas as localidades celebráronse concertos musicais cunha programación pensada para todas as idades. Este ano estiveron protagonizados polos grupos gañadores do Concurso Cantalingua: Mekánika Rolling Band, Pauliña e John Deeres, e contouse tamén coa actuación especial de Paco Nogueiras, dirixida ao alumnado máis novo. A actriz Isabel Risco e o cómico Fran Rei foron os mestres de cerimonias dos distintos eventos.
O Correlingua, unha iniciativa organizada pola CIG- Ensino, a AS-PG e a Mesa pola Normalización Lingüística, consolidada dentro do calendario escolar e cultural galego, cumpre 25 anos reafirmando o seu compromiso coa normalización lingüística e o activismo xuvenil e facendo da lingua un motivo de celebración e de reivindicación. Así, súmase ás moitas actividades e iniciativas impulsadas polo profesorado concienciado con que a supervivencia do galego pasa por unha maior implicación de toda a comunidade educativa e que fai fronte así ás políticas desgaleguizadoras que protagonizou a Xunta sobre todo durante os últimos 15 anos.