Lucía Veiga convértese na nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

A actriz convértese na novena presidenta da institución e a terceira muller en ocupar o cargo
Lucía Veiga convértese na nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual
Lucía Veiga | Patricia G. Fraga

A Academia Galega do Audiovisual escolleu á nova xunta directiva que rexerá o destino e as actividades da entidade durante os próximos dous anos. A actriz Lucía Veiga será a nova presidenta da Academia e substitúe no cargo a Álvaro Pérez Becerra.

 

A elección tivo lugar nunha asemblea xeral da entidade celebrada o venres 30 de maio na que Lucía Veiga foi escollida entre os socios e socias da Academia.

 

Lucía Veiga convértese na novena presidenta da institución e a terceira muller en ocupar o cargo. Actriz, humorista e presentadora de televisión, Lucía é coñecida polas súas aparicións en populares programas de TVG como Malicia noticias, Luar e Malo será,  e por papeis en series como Rapa, Vivir sin permiso, Serramoura ou El desorden que dejas. Foi nominada aos Premios Goya polo seu papel en Soy Nevenka, filme de Icíar Bollarín e gañou tres Premios Mestre Mateo consecutivos polos seus traballos como comunicadora no programa Malicia noticias, e como actriz na serie Rapa e no filme As Neves.

 

"Estou moi agradecida pola confianza que deposita en min esta Xunta Directiva para encabezar a candidatura, e polo apoio da Asemblea. Son consciente do reto, das tarefas e da responsabilidade, e, con esa vertixe que da o descoñecido, tentarei, tentaremos estar á altura. A Academia Galega do Audiovisual ten na súa man o deber de traballar por un sector plural no que conflúen profesionais moi diversos, e o consenso é fundamental e ao tempo complicado. Só escoitando a todas a partes e integrando as necesidades pode conseguirse representar a un colectivo como este. Os meus obxectivos principais son continuar na liña do diálogo e de acordo aberta polas xuntas anteriores, e que as persoas asociadas perciban o valor que lles aporta esta institución, que se sientan representadas", apunta Lucía Veiga.

 

A actriz estará acompañada na xunta directiva por profesionais de recoñecido prestixio do sector audiovisual. Incorpóranse a maquilladora e perruqueira Fani Mosqueira, o director de produción Javi Lopa, e os produtores Sara Horta e Xosé Manuel Barreira.

 

Repiten como membros da directiva as actrices e directoras Carmen Méndez e Saamira Ganay, a directora e produtora Anxos Fazáns, a script e produtora Alba Gallego e o distribuidor e exhibidor Milo Baños. Esta é a Xunta directiva con maior representación feminina de todas as directivas da Academia.

 

Entre as liñas mestras do mandato da nova directiva estarán dar continuidade do traballo feito polas directivas anteriores para que a Academia sexa un lugar de encontro do sector audiovisual galego, que aglutine a todos os oficios que participan no mesmo. Outro dos obxectivos será reforzar o papel da Academia como institución cultural vertebradora avanzando na cooperación entre administracións públicas e fomentando as alianzas entre as entidades representativas do sector.

 

A xunta directiva reforzou a idea de traballar en prol dun audiovisual máis diverso, seguro e integrador, especialmente nos proxectos en marcha, pero tamén impulsando novas iniciativas, coa vista posta na celebración do 25 aniversario da Academia en 2027.  

 

O novo equipo salientou que "o audiovisual é un traballo colectivo, unha engranaxe perfecta na suma xenerosa de moitos talentos individuais" e puxo de manifesto a súa "ilusión e compromiso por comezar esta nova etapa da Academia".


 

Lucía Veiga convértese na nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

Te puede interesar