Como naceu o reino suevo? Por que din que arde o mar? Como era o universo imaxinario dos cadros de Urbano Lugrís? Que animais habitaron a Cova Eirós? Esta son algunhas das cuestións que se abordan en Ágora, nome co que o Consello da Cultura Galega presenta en formato podcast as conferencias pronunciada por diferentes personalidades na institución. William Shea, Michel Maffesoli, Xosé M. Núñez Seixas, Darío Villanueva, Isabel Burdiel, Justo Beramendi, Jorge Mira, Henar Gallego, Ramón Villares, entre outros especialistas se poden atopar neste proxecto que tamén inclúe as ficcións La lindona de Galicia e A Camisa.
Organizados nunha ducia de categorías, preséntanse contidos propios do Consello da Cultura Galega adaptados e preparados para un formato de contido en podcast para incrementar a oferta de contidos en galego e de calidade, en consonancia co que están a facer outras entidades culturais europeas. Irase actualizando por bloques que se nutren das actividades da institución pero que tamén incorporará produción propia. Ademais do web corporativo, os podcast iran dispoñibilizando nas plataformas Spotify e Ivoox.
A escolma presenta unha ampla variedade temática que abrangue distintas épocas. Nela pódese escoitar desde especialistas que falan do papel das mulleres na Hispania Antiga, a relación entre Galicia a división azul, o contexto históricos no que se creou o Seminario de Estudos Galegos; ou mesmo un percorrido pola interpretación do tempo ao longo da historia e como se acadaron solucións para igualar as medidas de referencia temporal.
Neles participan varios premios nacionais como Justo Beramendi, Xosé M. Núñez Seixas e Ramón Villares, entre outros; catedráticos como Jorge Mira, ou Fernando Bouza xunto cunha morea de investigadores das tres universidades galegas e dos centros de investigación do país. Tamén se inclúen figuras recoñecidas como Isabel Burdiel, Darío Villanueva, César Herreo, William Shea ou Michel Maffesoli.
No marco de Ágora, tamén se dispoñibilizan dous podcast de ficción elaborados pola institución. Un deles é La Camisa, un podcast de 5 episodios, elaborado por A quinta do cuadrante que adapta a peza dramática homónima escrita por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) na que retrata o dama da emigración na pel dunha familia que se traslada a Madrid coa esperanza dun mundo mellor. O barquense retratouna nunha premiada e representada obra que outro escritor, o silledense Ramón de Valenzuela, puxo en galego. Tito Asorey, da Quinta do Cuadrante, foi o encargado da adaptación sonora da historia en cinco capítulos de entre 12 e 15 minutos de duración. Elaborado en 2022 cando Lauro Olmo foi homenaxeado co Día das Letras Galegas.
A outra ficcion é A Lindona de Galicia, podcast que ficciona en cinco episodios unha peza teatral escrita nas primeiras décadas do século XVII polo autor murciano Andrés de Claramonte e que foi moi representada durante dous séculos e que conta unha historia de enredo entre Lindona e o rei García, coa perda do reino de Galicia como pano de fondo. O texto é unha comedia de enredo protagonizada por unha brava muller que fala en lingua galega e que se afasta dos arquetipos da época. A adaptación en formato podcast desta peza foi dirixida por Tito Asorey, quen tamén a protagoniza xunto con Melania Cruz, Sergio Zearreta e Josito Porto.
Tamén se inclúe a recreación de Alba de Gloria, discurso que Castelao pronunciou o 25 de xullo de 1948 no Teatro Arxentino, como colofón das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires, causando un forte impacto na audiencia.