Xosé Arribe, edil cedeirés de Cultura: “Temos que facer visible o patrimonio para non perder a memoria, porque a memoria está nos ollos”

O concelleiro de Cultura de Cedeira destaca as posibilidades da vila no eido do turismo de natureza patrimonial
Xosé Arribe, edil cedeirés de Cultura: “Temos que facer visible o patrimonio para non perder a memoria, porque a memoria está nos ollos”
Imagen de 1950 extraída del proyecto en la que se ven, al fondo, las fábricas de la playa | Cedida

Rubido e Cortón eran os apelidos dos socios que posuían a fábrica de Xenio, a máis pequena das que había e á que pertencen os restos achados, aínda que, como precisa o concelleiro de Cultura e Patrimonio, “sempre estiveron aí, aínda que case ninguén reparaba neles”.

 

A relación de Cedeira coa industria conserveira é moi potente... 
En Cedeira houbo 13 fábricas de conservas, unha historia que comeza en 1765, cando a sardiña do Mediterráneo empeza a escasear e os cataláns, que tiñan unha boa industria de salgadura, deciden que teñen que mercala noutros sitios. Sabían que no norte había moita, pero cando chegaron déronse de conta de que lles era máis doado montar aquí unha fábrica que mercar e levala para salgar.

 

Tiñan un olfacto especial para os negocios? 
Tiñan unhas técnicas moi ben estudadas para salgar as sardiñas. Nós aquí metiamos a sardiña en píos con sal e cando levaba un tempo, quitábanse e envasábanse. Os cataláns collían grandes barrís e poñían alternativamente capas de sal e de sardiña e arriba un peso enorme, co que conseguían que quedase moi ben salgada e, ademais, sacaban o aceite para vender á parte. Ademais, eran grandes empresarios e dalgunha maneira introduciron o crédito para que os mariñeiros mercasen as lanchas para pescar e tamén a compra en exclusiva: todo o que pescasen vendíanllelo a eles; é dicir, inventaron os futuros. A pegada desta industria de capital catalán é aínda moi visible en Galicia.

 

 

As estruturas estiveron en pé ata os anos 50?
Aínda queda algunha estrutura, co tellado caído, que está no extremo da praia da Magdalena, en San Isidro, con píos de salgar... A inmensa maioría dos traballadores eran mulleres e moitas nenas pequenas. Co tempo empezou a ser pouco rentable, coa entrada de conservas do exterior e iso levou ao abandono e fóronse derrubando. Da fábrica de Xenio queda parte do peche. O proxecto que temos, de Axa, consiste en escavar un pouco máis e reforzar os muros que van quedar á vista –o frontal e uns seis metros de cada un dos laterais– para que se saiba que era unha fábrica de conservas, cun panel explicativo, para non perder a memoria, porque a memoria está nos ollos.

 

O patrimonio de Cedeira está a aflorar nos últimos tempos. O castro de Sarridal é un exemplo, pero a vila ten unha historia moi potente e moi vizosa. 
Agora estáselle a dar importancia, algo que antes non sucedía.  Desde o primeiro goberno de coalición fomos rescatando un patrimonio marabilloso. Hai que lembrar que no castro de Sarridal apareceu a primeira sauna castrexa desta zona, algo espectacular. Hai que velo.

 

Esa protección e posta en valor do patrimonio está plenamente asumida pola cidadanía?
Pódoche dicir que levamos seis ou sete anos de excavación no castro de Sarridal, por exemplo, e non hai nin un só acto de vandalismo, e iso quere dicir moito; quere dicir que hai un respecto sobre o patrimonio propio. 

Xosé Arribe, edil cedeirés de Cultura: “Temos que facer visible o patrimonio para non perder a memoria, porque a memoria está nos ollos”

Te puede interesar