O vídeo promocional do Concello de Monfero pon á luz todos os seus potenciais

O vídeo promocional do Concello de Monfero pon á luz todos os seus potenciais
A Ponte Vella do Dez está situada preto da área recreativa Carballeira do Dez, que conta con zona de baño | cedida

O lema “Atrévete a descubrilo” pon fin ao vídeo promocional do Concello de Monfero, que trata de presentar ao territorio como candidato a un dos destinos de turismo rural máis visitados de Galicia. Trátase dun traballo confeccionado pola axencia coruñesa ACM Comunicación, que contou coas labores audiovisuais de Cristina Caamaño e  Carlos Fernández.


A obra mostrouse nas redes sociais do Concello, nunha publicación que manifesta o orgullo dos seus paisanos pola súa terra e anima a compartir con todos a beleza do lugar a través deste contido audiovisual. O vídeo amosa os diferentes atractivos que pode ofrecer, desde panorámicas das impresionantes paisaxes até a vetusta arquitectura da que goza Monfero, pasando polas rutas a pé ou en kaiak e a gastronomía, na que destacan os produtores locais de mel e requeixo.


Ademais, hai imaxes que divulgan certos servizos de grande interese para os turistas, como poden ser as casas rurais, o camping con piscina e a área de autocaravanas, que á marxe de numerosas prestacións como a electricidade, ofrece unha zona cuberta de esparcemento que se integra coa contorna.

 

 

Equipo


Carlos Fernández e Cristina Caamaño son dous nomes que resoan no panorama audiovisual  da última década grazas ao documental “La fuga de los 45”, que recibiu unha longa lista de premios nacionais, entre os que se atopa un do Festival de Cine de Sitges. Así mesmo, Ángel Cabezal, que é o rostro que está detrás de ACM Comunicación, xa traballou con anterioridade en numerosas axencias galegas como Bap&Conde, na que realizou proxectos para institucións públicas como a Xunta ou empresas como Gadis.


Non é a primeira vez que estes tres profesionais se unen para traballar xuntos, así que a experiencia previa asegurou a boa execución do encargo. De feito,  tamén se publicou recentemente un vídeo doutro concello da comarca do Eume no que participou este equipo, que serviu para rexistrar a esencia da segunda Carreira Nocturna de Pontedeume.


O obxectivo do productor foi facer un contido atemporal que servise de carta de presentación ao Concello. Para alcanzar esta meta, fixo falla un período de tempo total de arredor dun mes, que abarcaría as labores previas e posteriores á gravación, ademais dos días que ocupou a rodaxe. “Ao final son dous minutos de vídeo, pero para sacalos hai que gravar moitas horas, logo xa se corta e póñense só os cachiños que cres que van funcionar", explicou Cabezal.


Patrimonio histórico


A historia de Monfero trascendeu até os nosos días grazas a pezas como os numerosos cruceiros que se atopan ao percorrer o territorio. Entre eles poderíase destacar o de Taboada que, emprazado a 100 metros da igrexa de Santa Mariña, constitúe unha obra tradicional de finais do século XVIII, con formas típicas do norte da provincia. Pola contra, o de Pena Furada, situado a un quilómetro e medio da ermida de San Cosme, é unha obra singular que ten o seu encanto na sinxeleza e economía de medios que utiliza.


Non obstante, o elemento máis popular e impoñente do concello é sen dúbida o mosteiro de Santa María de Monfero, fundado polo Rei Alfonso VII a comezos do século XII e renovado no XVII, polo que o estilo imperante é o barroco. Un dos aspectos máis orixinais do templo é a fachada exterior axedrezada con granito e lousa. Ademais, alberga os sepulcros góticos do século XV da familia dos Andrade, co símbolo da súa liñaxe, o xabaríl.


Tamén existe unha gran cantidade de igrexas moi particulares, xa que moitas ostentan un estilo de tipoloxía rural habitual na comarca, como é o caso da ermida de San Bartolomeu ou da capela da Ascensión, esta última localizada nun punto privilexiado con vistas ao Val de Xestoso.


Así mesmo, existen varias pontes procedentes da época medieval. É o caso da Ponte de San Paio, sobre o curso do Lambre, que se atopa no límite co concello de Irixoa e data do século XV. Outra é a do Dez, que cruza o río Frai Bermuz cun arco de medio punto.


Mais, fóra do relixioso, atopamos vestixios dunha historia que indica que Monfero foi habitado polos seres humanos dende moito máis atrás. No ano 1135 xa hai rexistros da demarcación da xurisdición do mosteiro e neles faise referencia a diversas mámoas na Pena do Moncoso. A día de hoxe, o historiador Xabier Moure rexistrou preto de 120 túmulos funerarios deste tipo no municipio, así como catro castros, que dan testemuño do asentamento da poboación.

 

 

Patrimonio natural


A superficie do territorio caracterízase por ser montañosa. A Serra da Loba, que separa as provincias da Coruña e Lugo, ten o seu punto máis alto no medio delas, compartido entre os concellos de Monfero e Xermade. Non obstante, hai outro lugar máis elevado no municipio, o Monte Pendella, a 712 metros de altitude, desde onde a vista chega o máis lonxe posible. Aínda así, no vídeo aparece o mirador da Carbueira, dado que achega unha panorámica extraordinaria que lembra aos canóns do Sil, mais é o río Eume.


Monfero é un dos catro portais de entrada ao Parque Natural Fragas do Eume, concretamente situado nas inmediacións do mosteiro, que alberga a oficina municipal de turismo. Na zona tamén se atopa o Centro de Interpretación, desde onde parten diversas rutas, como a Senda dos Cerqueiros, que pasa polo mirador da Carbueira. Outro itinerario posible é o Camiño da Pasada Vella, que sae e remata na Torre de San Bartolomeu, un porto de montaña que está considerado como un dos máis representativos da provincia, xa que se inclúe no listado do CIMA, un certificado que non só valora a dureza da ascensión, senón tamén a beleza e historia.


O Camiño dos Corzos, que conecta coa Senda dos Cerqueiros,  dá conta da fauna que acolle o Parque Natural, un espazo pertencente a Monfero en máis da metade da súa extensión. Hai rexistradas 41 especies de mamíferos, 103 de aves e 8 de peixes.


A vexetación máis representativa do lugar é a asociada aos climas atlánticos, xa que existe un bosque caducifolio de castiñeiros, carballos, bidueiros, ameneiros, freixos, teixos e abeleiras. Outros dos habitantes máis vellos son perennes, como os acivros, madroños e loureiros. Ademais, nas ribeiras máis húmidas e sombrías hai líquenes, musgos e felgos moi escasos no resto da península. 

O vídeo promocional do Concello de Monfero pon á luz todos os seus potenciais

Te puede interesar