Valdoviño aproba de forma definitiva un orzamento de 5,5 millóns de euros para 2023

Valdoviño aproba de forma definitiva un orzamento de  5,5 millóns de euros para 2023
Casa consistorial do municipio de Valdoviño | concello

Valdoviño inicia o 2023 con novos orzamentos despois de que a corporación aprobara en pleno –o pasado mes de decembro e sen votos en contra– o documento, pasando posteriormente a exposición pública. Superado este trámite, e sen que se presentasen alegacións, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte a súa aprobación definitiva.


Segundo o rexedor, Alberto González, as contas ascenden a 5.499.586,34 euros, “equilibrando gastos e ingresos”. O executivo local prevé que dita cifra aumente ao longo dos próximos meses coa incorporación de novas partidas –procedentes de achegas por parte doutras administracións– como as do Plan Único da Deputación da Coruña ou as da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Tamén a subvención concedida pola Xunta para a construción da nova escola infantil municipal ou a do Estado para a creación dunha praza pública na contorna da Frouxeira.


Dende o Concello sosteñen que as contas seguen unha liña continuista respecto a exercicios pasados, “priorizando o gasto social a través de programas como o Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes ou o programa de Emerxencia Social para a protección das persoas máis vulnerables; servizos de conciliación como os almorzos saudables nos centros educativos ou o Punto de Atención á Infancia, cun esforzo extra para a cofinanciación trala entrada en vigor da gratuidade do centro”.


Valdoviño busca con ditos orzamentos facer do municipio un lugar “onde poder desenvolver un proxecto de vida de calidade con servizos, facéndoo atractivo para as familias que queiran fixar a súa residencia con carácter estable, cunha programación cultural e deportiva de máxima calidade”, engaden desde o Consistorio valdoviñés. 

Valdoviño aproba de forma definitiva un orzamento de 5,5 millóns de euros para 2023

Te puede interesar