Santiago Cortegoso, actor: "Reconversión ambiéntase nun mundo no que a cultura son as verbenas, non o rock and roll”

Ibuprofeno Teatro estará no Pazo da Cultura o día 25
Santiago Cortegoso, actor: "Reconversión ambiéntase nun mundo no que a cultura son as verbenas, non o rock and roll”
Santiago Cortegoso I MARCELLO SANTOS

Canta, actúa, escribe, dirixe, produce e carga e descarga as furgonetas. Santiago Cortegoso defínese a si mesmo, e de forma moi acertada, como un “teatreiro”. É dicir, está totalmente inmerso no mundo das táboas e os escenarios e agora serán os de Narón quenes acollan a posta en escena de “Reconversión”, do grupo que el mesmo fundou, Ibruprofeno Teatro. O 25 deste mes o Pazo da Cultura transportarase aos estaleiros da ría de Vigo.


No 2023 naceu o texto, pero Cortegoso asegura que “facía moito tempo que o tiña na cabeza. Quería escribir sobre este período histórico a través da vida do meu pai. El era un deses traballadores de Ascón que en 1984 quedaron en paro ao pechar a factoría”. Decidiuse nun momento no que a demencia senil deste “baixou un chanzo máis”. Aí foi cando dixo “agora ten que ser, non podo esperar”.


Preparou un proxecto e presentouno ao Laboratorio de Escritura Teatral da Fundación SGAE e foi seleccionado. As sesións de traballo en Madrid ou a colaboración con outros autores fixeron que se publicase a obra e naceu, tamén a elucubración da posta en escena. 


E a pesar de que se podería pensar en que esta é unha historia persoal, que en parte si, a idea sempre foi “falar do que pasou no sector naval, o milagre económico que foi o estaleiro, o avance e o éxito... e como da nada pechou e a repercusión que isto tivo a nivel social ou psicolóxico”, asegura Cortegoso, “testemuña de primeira man”. 


Esta autoficción ten, como comenta o seu autor, “unha gran parte autobiográfica”, pero con todo conseguiu unha sinerxia moi grande co humor e, curiosamente, tamén coa música.

 

Imagen editada
Un instante de la representación I Diego Seixo


“A perspectiva histórica está exposta dunha forma moi paródica, o que permite escapar dun enfoque triste ou nostálxico” que podería ter un testemuño. Desta maneira, a pesar de que a obra ten “momentos duros”, déixase entrever un ton “festeiro e ameno”, explica o produtor. 


Este factor incorpórase coa charanga, conformada polos mesmos actores. “Na obra hai un coro que conta toda a historia e que sexa este estilo de agrupación permite unha transformación sobre o escenario, o que achega un gran dinamismo”, explica, pero tamén axuda a contextualizar a obra xa que a banda sonora está composta por pezas das verbenas da época, “moi pachangueiras”.


Isto débese a que Cortegoso reivindica que “os meus pais, os protagonistas, poderían ser outro matrimonio calquera. Xente do rural que demostra que a reconversión afectou á aqueles que estaban nas hortas polas tardes. Saen dese mundo no que a cultura son as verbenas e non o rock and roll”.


Unha historia de tantas que tamén podería falar de Ferrol. Unha vida e unha representación que volta ao pasado.

Santiago Cortegoso, actor: "Reconversión ambiéntase nun mundo no que a cultura son as verbenas, non o rock and roll”

Te puede interesar