San Sadurniño soprou trinta “riocastros” en Naraío

San Sadurniño soprou trinta “riocastros” en Naraío
Un momento da sesión vermú I Daniel Alexandre

O día máis agardado do ano e o mellor evento da comarca. Iso é para moitos o Festival do Río Castro, organizado pola AVV O Castelo de Narahío –coa colaboración do Concello de San Sadurniño e da Deputación da Coruña– e que na xornada deste sábado festexou, nunca mellor dito, a súa trixésima edición. 30 candeas que se sopraron nun ambiente acolledor, familiar e de tradición: o que sempre promete Naraío e co que cumpre cada ano.

 

 

O tempo acompañou dende primeira hora da xornada e xa desde pola mañá comezaron a chegar ás inmediacións da ponte románica da Ferrería grupos de diversa índole –familias, amigos, parellas...– para poñer a punto todo o necesario para desfrutar das diferentes actividades programadas para a ocasión, con xantar, merenda e cea campestres incluidas.

XXX Festival do Rio Castro3 Daniel Alexandre
 Daniel Alexandre

Foliadas improvisadas, concertos, xogos populares ou deportes rurais compoñen a receita deste festival que naceu no 1994 e que se leva celebrando, desde aquela, de maneira ininterrompida –agás os exercicios da pandemia–, xuntando no municipio a preto de 150 formacións musicais e de animación ao longo da súa historia.


 No caso da presente edición, a sesión vermú comezou ao mediodía e correu a cargo de Sérralhe aí!,  culminando coa mítica peza dos Cempés –incluidos no cartel daquela primeira edición dos 90 e cun dos seus compoñentes onte sobre o escenario, Pablo Ces– “Sara Sariña” e cos presentes facendo unha roda para bailar. 

XXX Festival do Rio Castro4 Daniel Alexandre
Daniel Alexandre

Peter Punk entretivo aos máis cativos –e aos que non o son tanto– pola tarde, cando tamén houbo tempo para o campionato de chave, serrado con tronzador e tiro da corda que endexamais decepciona.


Xa á noitiña, as actuacións dos grupos Vai Rañala Meu!, Ailá e Orquestra bravú Xangai puxeron o broche final a unha edición máis do Festival do Río Castro, unha cita á que sempre presta ir. Se non foi o caso, xa queda menos para a XXXI edición. 

 

XXX Festival do Rio Castro5 Daniel Alexandre
 Daniel Alexandre

San Sadurniño soprou trinta “riocastros” en Naraío

Te puede interesar