O pop independente regresa á Hortiña de Limodre para celebrar o 25 aniversario do Felicia Pop Festival

O pop independente regresa á Hortiña de Limodre para celebrar o 25 aniversario do Felicia Pop Festival
O parque da Hortiña de Limodre volverá ser escenario do festival organizado pola asociación cultural Felicia | JORGE MEIS

“Un evento sinxelo, entrañable, e dunha ben entendida exclusividade, feito por e para o público”. Así é o Felicia Pop Festival, cita que a estas alturas, logo de 25 anos de vida, non precisa carta de presentación. É, se non o máis, un dos veteráns deste tipo de música, pop e rock independente, “que é sobre todo hedonista”, salientan desde a organización, e que, un ano máis, permitirá gozar da música nun espazo tan acolledor como é o parque da Hortiña, na parroquia fenesa de Limodre. 


Aquí naceu hai xa un cuarto de século un festival que logo da súa primeira e longa etapa como Felipop, mudou hai varios anos de denominación, a Felicia Pop. Para esta edición do 25 aniversario, a Asociación Cultural Felicia, impulsora do evento, deseñou un cartel con “grupos moi interesantes e divertidos” no que se recupera a xente que xa actuou hai moitos anos no festival, como Doctor Divago ou Espiño mesmo a unha banda senlleira da comarca como os Blood Filloas, con músicos de Fene e Ferrol, que volverán xuntarse máis de dúas décadas despois da súa desaparición. 

 

A música comezará a soar o venres 4, a partir das 21.10 horas, cos composteláns Grampoder, para unha hora máis tarde subir ao escenario Enamorados, que chegan desde Barcelona. A banda valenciana Doctor Divago (23.20 horas); os londinenses The Speedways (00.40 horas); e os malagueños The Oddballs (02.00 horas) pecharán os concertos da xornada inaugural, na que a música, porén, continuará en adiante cos djs Turista 78 e Angel Snap!!


Sesión vermú

A actividade do día seguinte (sábado 5) comezará xa ao mediodía, cunha sesión vermú a cargo do grupo vigués The Soul Jacket. Será gratuíta, grazas á colaboración do Concello de Fene, e dará comezo ás 13.30 horas. Achegarán ao público un puñado de cancións inspiradas no son do rock&roll americano e británico de principios dos anos 70.


Xa pola noite, tomarán o escenario os eumeses Bule (21.10 horas), Espiño (22.10 horas), Blood Filloas (23.20 horas), Ian Kay (00.35 horas) e os franceses Les Lullies (02.05 horas). Ao igual que na xornada anterior, a festa continuará na Hortiña coa actuación de dous djs, desta volta Mr Klin e Pepe Kubrick.


O festival continúa apostando pola presenza de grupos internacionais, estatais e tamén galegos, especialmente presentes na edición deste ano. “Sempre se buscou o equilibrio entre grupos de aquí e de fóra”, tratando de conectar deste xeito a un público entregado á música dos anos 60 e 70, desde The Beatles ou de The Kinks, ata Andrés Dobarro.


Acampada

O festival volverá contar con zona de acampada e tamén de estacionamento para furgonetas e caravanas, con servizo de baños e duchas e todo totalmente de balde. Ao igual que vén sucedendo nos últimos anos, lanzarase un vemú exclusivo para os asistentes.


O prezo da primeira promoción dos bonos é de 20 euros; o resto ata o peche da venda online serán a 25 euros (a través da web www.woutick.es); e o día do festival será de 30 euros. Así pois, todo listo xa para que o pop asolague o parque da Hortiña nunha cita da que cómpre salientar, ademais, a súa capacidade para resistir no tempo nunha parroquia, Limodre, de menos de 500 habitantes.

O pop independente regresa á Hortiña de Limodre para celebrar o 25 aniversario do Felicia Pop Festival

Te puede interesar