Esta fin de semana cúmprese a vixésimo cuarta edición do Oenach Atlántico, dende hai dez anos declarada Festa de Interese Turístico de Galicia pola Xunta. Na programación non faltará a música, que se estreará este venres na campa do Trece por Óscar Ibáñez & Tribo e despedirá o evento o domingo con Comando Curuxás.
Algúns representantes da AVV Rosa dos Ventos e da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes acompañaron este mércores no acto de presentación desta proposta á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e á concelleira de Turismo, Natalia Hermida, quen indicou que o programa está dedicado a todas as idades.
O acto de inauguración abrirá o Oenach Atlántico ás 21.00 horas, co tradicional acendido de lumes que precederá á sesión de música galiciana que impartirá Óscar Ibáñez &Tribo ás 22.00.
Ao día seguinte, o sábado, a campa castrexa xa se estreará ás 11.00, xunto coas mostras de artesanía en vivo e as actividades tanto para pequenos como maiores. Neste espazo tamén haberá un lugar dedicado á comida ao mediodía, para volver dar paso, de 16.00 a 20.00 horas, aos xogos populares. O grupo de música e danza tradicional Alxibeira fará unha parada etnográfica para exhibir estas artes ás 18.00 e a partir das 22.30 celebrarase a tradicional Noite do Castro, coa obra “Vida”, de Laura Aneiros, a cargo da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes.
A última xornada volverá a abrir ás 11.00 horas a campa do Trece, con artesanía en directo e actividades para todos os públicos. Ademais, haberá unha mostra de can de palleiro nos arredores da nave do recinto feiral e ás 12.30 representarase “Agripa”, de Juan Miguel Padín.
Tanto nos ten serán os encargados da sesión vermú, ás 13.00, e o espazo de xantares abrirá ás 14.00. Os xogos populares practicaranse entre as 16.00 e as 20.00, mentres que ás 17.00 comezará o concerto de Café Dorothé. A música continuará na parada etnográfica das 18.00, coa Banda de Gaitas do Padroado da Cultura e ás 19.00 ofrecerase a derradeira recreación, co broche final de Comando Curuxás ás 20.00.