A mostra “Viñetas no Camiño” pode visitarse na pista deportiva de Perlío

A mostra “Viñetas no Camiño” pode visitarse na pista deportiva de Perlío
Na imaxe algunha das viñetas expostas até marzal ao carón da pista polideportiva de Perlío | cedida

A mostra íntegra de “Viñetas no Camiño” pode verse desde onte en Fene, nas inmediacións do Círculo de Perlío, ao carón da pista polideportiva. A exposición recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que se expuxeron ao longo dos últimos meses en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra.

Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza poida gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición manterase nesta nova localización, na devandita pista, até finais do mes de marzo.

De forma paralela á exposición física, o Concello de Fene lembra que o proxecto Viñetas do Camiño (O Teu Xacobeo) conta tamén cunha exposición virtual (https://www.vinetasdocamino.gal/exposicions/) na que se recollen tanto as dúas ducias de obras dos ilustradores, coma os debuxos que durante a marcha a pé dos días 12 e 13 de xuño fixeron os camiñantes que tomaron parte na mesma.

Neste espazo dixital tamén se poden coñecer todos os traballos feitos polos alumnos de varios centros educativos da contorna fenesa nos obradoiros escolares “Viñetas do Camiño”, que foron muy participativos. 

A mostra “Viñetas no Camiño” pode visitarse na pista deportiva de Perlío

Te puede interesar