Meteo Ortegal, a conta que predí o tempo da comarca dende as terras de Couzadoiro

Meteo Ortegal, a conta que predí o tempo da comarca dende as terras de Couzadoiro
A estación de Chema mide presión, temperatura, humidade, cantidade de chuvia, velocidade e dirección do vento | cedida

Chema Sierra é un habitante de Couzadoiro, no concello de Ortigueira, que publica en internet as súas predicións meteorolóxicas centradas na comarca. Trátase da iniciativa chamada Meteo Ortegal, cuxa principal vía de comunicación é unha conta dunha coñecida rede social.
 

A idea inicial xurdiu cando un grupo de amigos creou a plataforma “E ti que fas no Ortegal?” e convenceron a Chema para que fixera unha publicación semanal coa previsión do tempo. Tras a desaparición deste proxecto, foi cando o ortigueirés decidiuse a crear a páxina de Facebook e o seu propio blog, un espazo do que afirmou, actualiza con menos frecuencia que o primeiro.
 

Todos os xoves realiza unha predición meteorolóxica da fin de semana e un rexistro das mareas, así como os luns prognostica o tempo dos próximos sete días, aínda que sempre está suxeito a variacións.
 

Chema é un apaixoado da meteoroloxía desde que era pequeno, aínda que cos seus estudos de Xeografía foi formándose máis ao respecto. Cando saíu da universidade, comprendeu que prefería dedicarse a outra afección que sempre lle gustou e que está moi aparellada coa anterior, cultivar produtos na súa horta.
 

Así pois, converteuse en agricultor profesional, xa que vende as súas colleitas dende hai arredor de 5 anos, tanto a particulares como a certos locais da zona. Especializouse no cultivo de tomates, chegando a ter preto de cen variedades, un interese que  xunto ao do clima, atraeu ao programa “Cos pés na terra” da TVG.
 

Este “Pemán de Couzadoiro” conta con dúas estacións meteorolóxicas, unha situada na súa horta e outra en Cedeira. Ademais, en inverno coloca varios sensores de temperatura nos puntos máis fríos da comarca. A información que obtén pola súa conta compleméntase cos datos que vai consultando na Aemet e en MeteoGalicia.

 

Método

Para realizar as súas predicións utiliza o mesmo método que usan os organismos oficiais, baseándose na observación de modelos meteorolóxicos, a partir dos cales créase unha simulación da evolución que pode sufrir a climatoloxía. Trátase dunha técnica que se elabora por  medio de ordenadores, a través do acopio dunha serie de datos recollidos de diversas maneiras.
 

“Diferentes modelos teñen visións distintas aínda que sexa só a 24 horas vista”, indicou Chema, polo que a experiencia é o máis importante para escoller cal se adapta mellor a que situación ou época do ano. 

 

Ademais,  segundo indicou o entendido, “ás veces os datos das estacións non abarcan ben toda unha zona porque non teñen por que estar no mellor punto”, de forma que vivir nun sitio e estudar o tempo desa zona en concreto supón unha vantaxe que aumenta as posibilidades de acerto.

Meteo Ortegal, a conta que predí o tempo da comarca dende as terras de Couzadoiro

Te puede interesar