Marián Ferreiro analiza o avance dos traballos no muíño de Xuvia

Marián Ferreiro analiza o avance dos traballos no muíño de Xuvia
Un momento da visita de onte ás obras do edificio | cedida

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse onte cos edís de Urbanismo e Obras, Manuel Ramos e Pablo Mauriz, respectivamente, ao muíño de Xuvia, que encara os últimos meses da súa rehabilitación. 
 

Como ben se lembrará, a actuación está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”). 
 

Ferreiro avanzou que a previsión é que a intervención agora en marcha estea rematada a finais do vindeiro mes de setembro e valorou positivamente o resultado dos traballos executados ata o momento na construción.
 

O proxecto do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, tal e como se denomina a actuación, suporá un desembolso de 1,25 millóns de euros, unha contía que, tal e como destacou a alcaldesa, “nos permitirá recuperar por completo, en canto á edificación, unha das construcións de maior valor histórico da nosa cidade e que forma dende hai décadas un conxunto industrial formado por os dous muíños de Lestache, unha construción anexa con dúas moendas máis e a vivenda da familia Lestache e o seu despacho”. Operarios da empresa adxudicataria traballaban esta mañá nas diferentes estancias do edificio, ultimando as tarefas que porán fin a este importante proxecto.
 

A maiores, dende o goberno local tamén se licitaron os traballos de musealización das instalacións, orzamentados en 240.000 euros. Unha intervención que dará comezo o vindeiro mes de setembro e con previsión de que estea rematada en xaneiro do próximo ano, tal e como avanzou Ferreiro. “A recuperación do noso patrimonio continúa sendo unha das prioridades do goberno local, dende onde consideramos que as obras proxectadas en construcións como a do muíño de Xuvia suporán unha excelente oportunidade para poñer en valor a edificación e facer que as veciñas e veciños da cidade e tamén doutros concellos poidan achegarse ás instalacións e desfrutar delas”, recalcou a alcaldesa. Ferreiro destacou que os traballos “representarán un feito histórico en Narón, despois de adquirir o muíño do século XVIII no ano 2009, nun proceso nada sinxelo iniciado no ano 1999 e que se alongou máis tempo do desexado”.
 

As obras contemplan o acondicionamento da recepción, do patio de distribución, do corredoiro da vivenda, do miradoiro, da sala introductoria, das salas Lestache, Polivalente, Muíños, Bucau e da Sala da Cultura Industrial. Ademais, con cargo á musealización poderanse ver no interior murais da factoría, mapas ilustrados, unha recreación de muíños de pedra, espazos informativos, vitrinas expositivas e outros elementos que reforzarán o valor dos traballos e o investimento a realizar na construción.

Marián Ferreiro analiza o avance dos traballos no muíño de Xuvia

Te puede interesar