O Carme e o Santiago son os patróns máis celebrados no mes de xullo na comarca. Rematadas as primeiras festas de honra á Virxe, especialmente nas localidades costeiras, é Santiago o que cita en parroquias e concellos aos amantes da festa.
Estanse a desenvolver xa os festexos de Santiago Apóstolo do barrio naronés da Gándara, que este venres contará cunha cita deportiva ás 11.30, o partido de solteiros contra casados, tradicional misa e sesión vermú longa amenizada por Antha y Veneguay.
Tamén nas Somozas honran neste caso a Santiago Seré na parroquia dese nome. Será esta xornada na que se celebren actos relixiosos tanto na capela de San Roque –10.00, 11.00 e 12.00– como na de Santiago –13.00 horas–. A sesión vermú correrá a cargo de Tafornelos e o Grupo Atenas e pola noite estarán Panamá e, de novo, o Grupo Atenas.
Outros concellos teñen festa polo Santiago, como a parroquia ortigueirense de Cuíña, que conta coa misa cantada –13.00 horas– por Israel Arranz, seguida de procesión e sesión vermú con Super Top y verbena con Maracaibo e tamén Super Top.
En Santiago de Mera a coral polifónica Eixil amenizará a misa solemne das 13.00 horas e haberá sesión vermú longa con JM Show. Xa en Fene, na parroquia de Barallobre, o Santiago celébrase con 21 bombas de palenque, unha misa solemne e a sesión vermú con Venezia. Xa pola noite actuará o grupo Montreal.
En Valdoviño, na parroquia de Lago, Boreal e Punto Clave porán a nota musical nunha xornada na que haberá misa cantada ás 12.30 horas e sesión vermú e verbena. Tamén no Seixo bailarán ao ritmo de Acordes e a parroquia de Sande, na Capela, celebra a súa festa co Grupo Pasión. Non se pode esquecer este venres a cita nas Pontes coa romaría da Fraga, de Interese Turístico.