“Esta noite faremos que a xente salte e baile coa nosa música”

“Esta noite faremos que a xente salte e baile coa nosa música”
A Escola de Gaitas de Ortigueira anuncia sorpresas para o concerto que ofrecerá esta noite no festival

Do esforzo da Escola de Gaitas de Ortigueira, liderada entón por Xavier Garrote, nacía en 1978 o festival de Ortigueira, convertido hoxe en referente internacional da música folk. A idea visionaria triunfou nos seus comezos grazas á axuda de toda a vila e, logo duns anos de parón, foi o Concello o que retomou unha cita “de primeira categoría”.
 

A agrupación ortegana segue a ser un dos piares básicos da organización do festival, do que é “pulmón, corazón e alma”. Esta noite, ás 23.00 horas, os seus máis de corenta integrantes subirán ao escenario Estrella Galicia para ofrecer un concerto que ten o seu obxectivo claro: “facer que a xente salte, baile e se anime con nós”, salienta o seu presidente, Bruno Lozano.
 

El, que ten 33 anos, leva desde os nove vinculado á Escola de Gaitas que, di, “é como unha familia”. Todos os seus compoñentes encaran cada mes de xullo intensas xornadas de traballo non só para ensaiar a súa actuación – “levamos uns vinte días tocando todos os días”, di– senón tamén nas tarefas de organización que teñen que ver fundamentalmente coa presenza das bandas participantes en cada edición, unhas catorce este ano.
 

Organización

“Todo comeza desde o festival anterior. Entón reunímonos a directiva e comezamos a facer as chamadas a bandas de gaitas, a música de rúa, que é o papel máis importante que temos. Logo hai que contactar con elas e xa nas semanas previas ao festival hai que montar as camas nas que durmirán os integrantes da formación, un total de 250 este ano nas instalacións do colexio municipal, e actuar como guías das mesmas pola vila”, conta. Nas instalacións do CEIP José María Lage, repártense tamén os almorzos, xantares e ceas destes músicos convidados.
 

Como ortegán que vive e traballa na súa vila, considera que o Festival Internacional do Mundo Celta é un orgullo para todos os veciños e veciñas dunha vila ateigada estes días por milleiros de persoas procedentes de diferentes partes do mundo.
 

Ante todos eles tocará hoxe a agrupación de gaitas local nunha actuación que, segundo adianta o seu presidente, contará con algunha que outra sorpresa.
 

O concerto da Escola de Gaitas de Ortigueira será a terceira na orde de actuacións previstas para esta noite no escenario Estrella Galicia, onde ás 21.00 horas sonará a música da Jonhston Pipe Band e ás 21.45 horas o dúo Caamaño & Ameixeiras. Susana Seivane, ás 00.15 horas, e Red Hot Chilli-Pipers, a partir das 01.30 horas, completarán a sesión nocturna da que será a sexta xornada da edición máis larga da historia do Mundo Celta.
 

A actividade musical comezará, porén, moito antes, a partir das 13.30, co primeiro dos catro pasarrúas previstos para hoxe, a cargo da Banda de Gaites El Gumial & Grupo de Baile Tradicional Fitloria; a Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa (17.45 horas), a Bagad de Vannes Melinerion (18.15 horas), e a Banda de Gaitas de Guillarei (20.00 horas).
 

Tamén haberá música no Teatro da Beneficencia co concerto previsto para as 19.00 horas do grupo Caldo e nas instalacións do IES de Ortigueira dará comezo o primeiro dos obradoiros enmarcados no festival, dedicado neste caso ao baile asturiano. Mañá será a quenda para os de danza bretona e galega.

“Esta noite faremos que a xente salte e baile coa nosa música”

Te puede interesar