O Concello urbaniza unha rúa e dota dunha zona verde con espazo de lecer a Piñeiros

O Concello urbaniza unha rúa e dota dunha zona verde con espazo de lecer a Piñeiros
Ferreiro destacou que a actuación ofrecerá propostas diferentes ás ubicadas noutros puntos da cidade | cedida

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz e o presidente da AVV Piñeiros, Francisco José Pita,     reuníronse onte no barrio para intercambiar opinións sobre os proxectos de urbanización e dotación de zona verde con equipamento na rúa Camiño do Peregrino e o seu entorno.


“Estas dúas actuacións suporán un importante cambio de imaxe nesta zona de Piñeiros e ofrecerán ás veciñas e veciños unha nova alternativa de lecer, con propostas diferentes ás ubicadas noutros puntos da cidade”, asegurou a alcaldesa sobre os labores iniciados hai unhas semanas que suporán un investimento municipal de 640.000 euros.


Cambios


O proxecto de urbanización integral executarase ao longo de 160 metros da rúa Camiño do Peregrino e outros terreos adxacentes que separan ese tramo do itinerario do Camiño de Santiago ao seu paso por Piñeiros. A actuación prevé habilitar dúas beirarrúas e espazos específicos para o estacionamento de vehículos, ademais da renovación do firme.


Así mesmo, instalarase unha isleta, a modo de zona verde, para facilitar as manobras dos camións que pasan habitualmente para abastecer un establecemento da zona. Neste caso, o prazo para a execución é de catro meses e para o outro proxecto de seis.


Ferreiro explicou que o acondicionamento do entorno da rúa contempla sendas peatonais e sitios verdes que albergarán un espazo de ocio. “Haberá tres zonas diferenciadas, cun área de esparcemento con arbolado, bancos e unha fonte, outra para practicar parkour con distintos elementos e outra cun bowl en forma de 8 e con tres zonas de altura diferenciadas para a práctica do skateboard”, avanzou a rexedora local, xunto á nova de que se unirán os paseos de Xuvia e Freixeiro. 

O Concello urbaniza unha rúa e dota dunha zona verde con espazo de lecer a Piñeiros

Te puede interesar