A Concellaría de Urbanismo do Concello aresán vén de anunciar a licitación dos traballos que afectarán ao local e á pista na área de Seselle. Trátase dun edificio de planta baixa cun estado construtivo primitivo, “pois os seus interiores están inacabados e conta con instalacións escasas”, como sosteñen desde a administración municipal. A futura intervención pretende crear no devandito local un espazo para o seu emprego sociocomunitario, reformándoo e aproveitando a actual estrutura para a súa recuperación.
O orzamento para a súa execución elévase aos 290.041,24 euros, que serán postos a disposición primeiramente polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, para que o Concello poida devolvelos ao longo de oito anualidades sen ningún tipo de xuros, como explican desde o consistorio.
Esta fórmula de investimento vén dada grazas a que Ares é un dos 9 concellos de toda Galicia cuxos proxectos resultaron seleccionados para beneficiarse do instrumento de cooperación da Xunta. As obras en cuestión foron elixidas en función do seu interese e a credencial do cumprimento dos requisitos e das regras fiscais esixidas, que teñen en conta, entre outras, cuestións como a estabilidade orzamentaria, regra de gasto e déficit, etc.
A reforma deste edificio para usos sociocomunitarios outorgará un novo uso á estrutura, dispoñendo de dúas salas para usos múltiples e tamén baños con ducha. Así as cousas, realizaranse traballos nas fachadas e no chan, no que se formarán pavimentos novos para todo o edificio, e mellorarase o sistema de acondicionamento ambiental.
En esencia, apuntan desde o consistorio aresán, “será unha obra que reformará o interior e o exterior do local, deixando atrás o estado primitivo que presenta na actualidade”.
Olimpia Marcos, a concelleira de Urbanismo no Concello de Ares, lembrou que “Seselle non conta na actualidade cun espazo de lecer nin de xuntanza da veciñanza, e por iso consideramos fundamental recuperar este local, que tamén ten un valor simbólico”, dixo. Marcos precisou que “era precisamente na súa pista onde se producían as festas populares da contorna; tiña un claro emprego social, deportivo e cultural”.
Os futuros traballos de reforma deste edificio, segundo Marcos, “achegarán á mocidade, ás persoas maiores e á veciñanza en xeral de Seselle un lugar de referencia para o ocio, o lecer e o esparcimento”, subliñou a concelleira local.