Cedeira substituirá o campo artificial do Beco cunha inversión de máis de 237.000 euros

Cedeira substituirá o campo artificial do Beco cunha inversión de máis de 237.000 euros
O campo está situado na parte traseira do polideportivo municipal I Cedida

Cedeira vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudicación da substitución do céspede artificial do campo de fútbol municipal do Beco –situado na parte traseira do polideportivo–. A obra suporá unha inversión de 237.420 euros asumidos polo Consistorio e procedentes do remanente do pasado ano.

 

Tal e como recorda o executivo cedeirés, as instalacións teñen 6.577,2 metros cadrados de superficie e o campo está marcado para fútbol 11, ao longo, e tamén para fútbol 7. “Ten unha alta intensidade de uso que causou, de feito, o seu deterioro ao longo da súa vida útil”. Así pois, na actualidade o céspede presenta deficiencias de nivelacións en varias zonas, o que fai que se formen charcos e irregularidades que “causan o comportamento inadecuado do balón, tanto nos rebotes como na rodadura”.

 

Instalarase agora un sistema “de última xeración” coa herba artificial que irá colocada sobre unha base elástica de 10 mm de espesor, “cunha absorción de impactos superior ao 35%”.

 

Dende o Concello resaltan que o novo campo garantirá unha maior durabilidade e a menor deformación co paso do tempo, ademais dunha maior absorción de impactos, “co que haberá menor risco de lesións para os xogadores e xogadoras”.

 

Xunto co céspede, o contrato abrangue a renovación de elementos que están oxidados, tanto das porterías plegables de fútbol 7 como do sistema de drenaxe.

 

Equipamento do ximnasio municipal

O Concello adxudicou tamén a subministración de máquinas de musculación para o ximnasio municipal e a súa instalación, por valor de 19.998 euros. Dende o executivo local indican que se mercarán diferentes aparatos “que mellorarán o equipamento dispoñible para os adestramentos, cumprindo así co proxecto de Orzamentos Participativos aprobado en pleno o pasado mes de maio”.

 

O goberno contará cunha axuda de 10.000 euros xestionada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, que cubrirá a metade do investimento.

 

A lista de compra abrangue máquinas de multipress, apertura e deltoides, femoral-extensións, prensa horizontal, dorsais-remo medio, abdutor-adutor, glúteo e functional trainer. 

 

Dende o Concello lembran que actualmente tamén están en proceso de contratación as obras de ampliación do ximnasio municipal, que ocupa un espazo contiguo á pista multideporte do pavillón. Esta intervención conta cun orzamento de preto de 62.000 euros, e o espazo pasará dos 83 aos 119 metros cadrados.

Cedeira substituirá o campo artificial do Beco cunha inversión de máis de 237.000 euros

Te puede interesar