A XXVII edición do Felicia Pop, o festival deste estilo máis vedraño de Fene e de Galicia, pechou onte a súa terceira xornada e a súa XXVII edición apuntándose o tanto do prestixio da banda neoiorquina The Optic Nerve.
O grupo de Tony Matura e Bobby Belfiore protagonizou un impecable e longo concerto repasando pezas do seu extraordinario repertorio: “Take me”, “Sunshine girl” ou “Going to the moon” entre outras soaron no parque da Hortiña, perfecta síntese dun estilo que vai do garaxe ao folk rock e define claramente a estética do festival da asociación cultural Felicia.
Na xornada de onte houbo espazo para máis apostas internacionais, como a banda dos Países Baixos Mooon. Os irmáns Tom e Gijs De Jong, canda o seu curmán Timo Van Lierop, repasaron con entusiasmo un repertorio formado por tres discos que resumen a súa querencia pola psicodelia dos anos 60 e 70.
De todos os xeitos a xornada comezou nunha concorrida sesión vermú na Hortiña na que a banda de Sigüeiro Familia Caamagno repasou temas clásicos do seu repertorio como “Romper Espagna”, “Surfistas nazis” ou a parodia do célebre e connotado “Xuntos” de Juan Pardo, así como algún tema novo do seu inminente novo disco.
Xa pola noite, a The Optic Nerve e Mooon engadíronse o pop indie dos madrileños Cometa, que en breve estarán no Festival da Luz e que en Limodre deixaron mostra do seu estilo que mestura elementos do rock arxentino e dos Queen de Freddy Mercury. O programa rematou coa cumbia psicodélica de Los Mejillones Tigre que presentaron o seu terceiro LP, “Me gustó más el libro”, con temas cheos de humor para a pista de baile como “El ofendidito” ou “Ayahuasca”.
Rematado o cartel do Felicia Pop ata 2026, que deixou o listón moi alto para a próxima edición, a madrugada no parque fenés encheuse coa música de Pepe Kubrick, Jokin Mr.Klin e Ángel Snap, picadiscos de recoñecido prestixio no pop “vintage”.