O luns 23 as Noites Meigas invadirán As Pontes e As Somozas nas súas séptima e segunda edición, respectivamente.
No municipio pontés a cita comezará ás 19.00 horas no espazo do Canal IV, contemplando actividades para pequenos e maiores. Os nenos contarán con teatro de proximidade, diversos obradoiros e un espetáculo que mestura música, baile, xogos e humor que afonda nas tradicións desta data tan especial. Será a partir das 20.30 horas cando empece o tradicional xantar popular que, nesta ocasión, terá dous menús: sardiñas ou touciño e chourizo, ambos con pan e bebida.
A música sonará a partir das 22.00 horas como antesala, a medianoite, do acendido da lumnaria de San Xoan, seguido de fogos de artificio e o segundo pase da orquesta “La Banda de Ayer”.
Namentres, os somocenses daranse cita na área recreativa do Carballo dende as oito da tarde, zona que será escenario para todo tipo de propostas. A banda sonora virá da man de “Os Piñeiros Band” e “The Fabulous Frank Failane Dj”, que amenizarán unha xornada que conta con sardiñada, cacharela e unha queimada para toda a veciñanza.
Pola súa parte, a parroquia de Seixas adiantará as celebracións ao sábado 21. A Asociación de veciños de Santa María levará ao campo da festa unha cea –composta por empanada, churrasco, chourizo, patacas, pan e postre–, moito ritmo da man de Vanesa Ramil e a tradicional queimada.