Ares recibirá un “forte impulso económico”, expón o Concello, para o seu “gran pulmón verde da vila”: a zona húmida da Xunqueira e a súa contorna, que se verá potenciada grazas a unha achega da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta –por medio de tres liñas diferentes de subvencións, para tres proxectos relacionados– de 180.000 euros. A esta cantidade sumaranse outros 45.000 procedentes das arcas municipais, cos que se repoñerán, con materiais novos, todos os elementos e o sistema do paseo fluvial. Isto implicará renovar as vigas, as correas, a tarima ou as varandas, ademais da limpeza das marxes e dos refugallos presentes na zona e a tala selectiva de pólas en perigo de caída.
Con motivo da concesión desta axuda, este venres visitou a localidade a conselleira Ángeles Vázquez, que foi recibida pola tenente de alcalde Alma Barrón; a edila de Medioambiente, Lucía Blanco; e a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos. Vázquez Mejuto estivo acompañada, ademais, pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
A primeira convocatoria desta liña de apoios do goberno galego, cunha dotación de dous millóns de euros, resolveuse coa concesión de 35 achegas a outras tantas administracións locais, esgotando o saldo dispoñible en tempo récord.
“Esta é unha grande actuación e non é unha máis, porque hai que poñer en valor o traballo que se realiza desde os Concellos, que son os que están en contacto directamente coa natureza, con esa xoia fantástica que temos en cada recuncho de Galicia”, apuntou a responsable do departamento autonómico, remarcando que Ares foi, xunto co municipio de Vilariño de Conxo, o único concello en acadar a máxima contía”.
Os tres proxectos en Ares teñen a súa área de actuación no parque da Xunqueira, cunha extensión de catro hectáreas incluídas no Inventario de Humedais de Galicia, que contan “cunha gran diversidade de flora e fauna” e que destaca pola “súa riqueza paisaxística”, remarcan desde a Consellería.
O primeiro deles busca acometer unha restauración ambiental, con labores de limpeza e conservación que eliminen maleza e especies invasoras. Tamén se farán desmontes e repoñeranse os distintos elementos que compoñen o paseo fluvial elevado, na actualidade bastante deteriorado.
Os outros dous proxectos terán como obxectivo a mellora da conectividade natural entre o medio rural e o urbano, tendo en conta a localización privilexiada desta zona húmida –ao norte do núcleo principal da vila, entre as dúas vías de entrada que vertebran Ares–.
Pola súa banda, Alma Barrón contextualizou as accións do goberno de Julio Iglesias dende a súa primeira lexislatura, lembrando o primeiro convenio en 2009 co daquela conselleiro de Medio Ambiente Pachi Vázquez. “A sinatura traduciuse na chegada de 376.000 euros destinados á recuperación dun espazo por entón moi degradado, co obxectivo de depurar o río que o atravesaba e conservar a riqueza paisaxística e animal, en perigo pola situación medioambiental da Xunqueira, que xa estaba inscrita daquela no Inventario de Humidais de Galicia”, indicou.
A partires dese momento, o executivo aresano ampliou progresivamente os tramos da pasarela de madeira, incorporou novos puntos de conservación e continuou coa rexeneración e potenciación da contorna.