Ares presenta un programa de rutas marítimas para este verán

Ares presenta un programa de rutas marítimas para este verán
Lucía Blanco, concelleira de Turismo, amosa o cartel informativa desta proposta de corte lúdico e de ocio | cedida

A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, vén de anunciar nas ultimas horas as novidades relacionadas co servizo de rutas turísticas en barco a bordo do pesqueiro “M. Presas”. Os percorridos pola costa de Ares estarán xa dispoñibles dende hoxe e ata o 15 de outubro, durante as fins de semana, cun prezo de 8 euros para menores e 15 para os adultos.


Este verán, as rutas terán unha duración de hora e media, divididas nun turno de mañá e outro de tarde. Así, o “M. Presas” navegará de 11:00 a 12:30 horas; de 12:30 a 14:00; de 17:00 a 18:30 e, finalmente, de 18:30 a 20:00, xa preto do atardecer.


A maiores, contémplase a posibilidade de realizar viaxes para grupos ou familias fóra destes días ou horarios, sempre que non excedan do tope de 12 persoas, por un prezo de 120 euros, para o que haberá que solicitar a reserva

cun mínimo de tres días de antelación.


Os paseos en barco inclúen a visita aos principais atractivos costeiros de Ares, como as rochas das Illas das Mirandas, o Mourón ou o porto de Redes, amais de estar imbuidos da esencia pesqueira e mariñeira: nasas, aparellos para a pesca, etc.


Selo Ares Azul

Este servizo de rutas marítimas que vén de presentarse é un dos eixos da planificación que promove a Concellaría de Turismo baixo o nome de “Ares Azul”, unha liña de traballo centrada en divulgar o enorme valor e impacto do eido marítimo na propia localidade. Dende as praias ata elementos urbanísticos como o paseo da vila, “Ares Azul” explora a identidade litoral e ponse en relación cos roteiros de sendeirismo impulsados en colaboración coas outras áreas municipais, neste caso o “Ares Verde”.


Segundo se expuxo dende a área de Turismo Lucía Blanco, “Conectando plans de traballo podemos construír unha oferta turística máis completa, que non esqueza o deporte, como facemos coas rutas de sendeirismo municipais, nin tampouco a cultura, como se está a facer co Ares Indiano e Ultramarino”.


Desde o Concello infórmase que as persoas interesadas en desfrutar do servizo de rutas marítimas xa poden ampliar información ou reservar praza nas diferentes saídas nos teléfonos 609 224 223 e 981 468 259, ou ben poden facer a tramitación acudindo en persoa á Oficina de Turismo da vila aresá.

Ares presenta un programa de rutas marítimas para este verán

Te puede interesar