As altas temperaturas non foron excusa para faltar á cita máis medieval do ano na vila de Pontedeume.
Dende o venres tanto os habitantes do lugar e da contorna coma os visitantes que non querían perder esta fin de semana tan especial, puideron disfrutar dun mercado que presenta produtos variados feitos a man incluíndo bixutería, candeas artesanas xoguetes de madeira, embutidos, queixos ou herbas medicinais, entre outras ofertas.
Non faltan tampouco os tenderetes de comida para poder repoñer forzas tras pasear polas rúas do pobo eumés, nin as atraccións infantís para que os máis pequenos da casa poidan disfrutar desta festa.
As gaitas, pandeiretas e tambores inundan o ambiente coa súa música e tradición con numerosos pasarrúas ao longo da tarde, prolongándose ata a fin de cada xornada, e cando o ceo empeza a escurecer, criaturas máxicas percorren o mercado e os artistas máis talentosos do reino sacan a relucir os seus trucos máis impresionantes con lume, música e danza.
O máis destacable do segundo día foi a recreación da derrota do exército de Roi Xordo na Revolta Irmandiña –a cargo de Lucus Medievo– por diante do torreón e a visita da Santa Compaña cando o reloxo deu a medianoite.
O domingo constituirá a última xornada dunha fin de semana que leva máis dunha década sendo tradición ns axenda estival de Pontedeume.