A mesa de contratación do Concello das Pontes adxudicou esta semana o obra de remodelación integral da Praza do Barreiro a Construcciones Fego Atlántico SL. A actuación, que se financiará con cargo a fondos da Deputación da Coruña, suporá un investivento de 372.644,07 euros (IVE incluído), foi moi demandada pola veciñanza e suporá practicamente a culminación da remodelación do Poboado, despois das intervencións que se levaron a cabo en todas as rúas, salvo da cara que dá á avenida da Habana, aínda en tramitación.
O obxectivo dos traballos é incrementar a funcionalidade, seguridade, eficiencia enerxética, calidade ambiental e sostibilidade da zona e consistirá, a grandes trazos, na eliminación das barreiras arquitectónicas e a creación dunha plataforma única.
Para iso, crearanse áreas de estancia e reunión, ademais doutras para que xoguen os máis pequenos. Tal e como apuntou no seu momento o Concello –despois da aprobación do proxecto no pleno de setembro de 2023–, todas elas estarán nunha ampla superficie axardinada e vías de tránsito e comunicación cos edificios que rodean a praza, eliminando as barreiras físicas existentes e creando itinerarios accesibles”.
A intervención recolle, ademais, a mellora dos accesos aos edificios e a instalación dunha nova canalización eléctrica, con luminarias con tecnoloxía LED. Tamén unha rede de drenaxe de augas pluviais –conectada ao saneamento existente– e un sistema de rega automático nas áreas con xardín. Por último, equiparase a zona con mobiliario urbano de plástico reciclado, mediante a colocación de bancos e papeleiras, entre outros.