O programa da XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño, que comezou o pasado domingo e continuará até o sábado, continúa hoxe no auditorio municipal da Casa da Cultura. Unha das pezas que se exhibirán nesta xornada é “As fillas bravas de Momán 2025”, que ofrece medidas específicas para persoas con distintas discapacidades, da man da compañía gañadora do Premio do Público Adulto 2024, Grupo Chévere, que recibirá o galardón antes do comezo desta función.
Non obstante, antes desta proposta, programada para as 22.00, será o espectáculo familiar “A nova historia da cigarra e a formiga”, de Teatro del Andamio, a que inaugure os encontros deste martes, ás 12.00 horas.
“As fillas bravas de Momán 2025” contará con interpretación en lingua de signos durante a súa representación, do mesmo xeito que ocorrerá coa coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego –CDG–, “Nada se sabe”, este xoves ás 22.00 horas. Ademais, neste último caso ofreceranse programas de man en braille, ampliados para persoas con resto visual e de lectura sinxela por medio dun código QR.
Por outra parte, con previa solicitude no departamento municipal de Cultura (981 405 064), poranse a disposición outras medidas como son a visita táctil para invidentes unha hora antes da función ou a posibilidade de contar con ata oito aparellos de audiodescrición para persoas con discapacidade visual.
No caso da peza de Culturactiva e o CDG, esta baséase na traxedia grega de Sófocles “Filoctetes”, que mestura mitoloxía coa realidade que vive o elenco, resultando nunha proposta tanto emotiva como reivindicativa. Neste sentido, a peza defende o dereito á inclusión cultural e denuncia que “Nada se sabe”, en xeral, sobre a discapacidade, e o fai dende a perspectiva de dúas actrices e dous actores aos que lles afecta directamente.
Por outro lado, o Grupo Chévere presentará a historia de tres protagonistas nunha aldea ficticia, Momán, que seguen a tradición das súas devanceiras. A música, a palabra e a memoria colectiva son as ferramentas de traballo utilizadas para revalorizar a transmisión oral galega e o papel das mulleres para construír unha identidade común.
A compañía Píscore inaugura o programa do mércores, ás 12.00, co seu espectáculo para público familiar “Molto Barroco”. Este grupo recibirá o Premio do Público Infantil 2024, tamén antes do comezo da representación. Na quenda nocturna, ás 22.00, o protagonismo recaerá en Berrobambán e a peza “Ubasute”.
Precedendo a “Nada se sabe”, Os Náufragos Teatro dirixiranse a toda a familia con “Bule bule”, un público no que tamén se especializa a compañía Caramuxo na obra “Crisálida”, que se amosará o venres ás 12.00 horas. De novo ás 22.00, a programación continuará con “Arte sen guión”, de Galeteatro, en coprodución co CDG.
Para despedir a XLVII edición, cambiando de escenario á Praza da Pulida e coa diferenza de ofertarse con entrada completamente de balde, proporanse dous espectáculos de circo ao aire libre. Zirko Txosko levará a Cariño o seu “Oh Pera!”, ás 12.30, e a Agrupación Assircopatas, “Rogelio III. La Fête”, ás 21.00.