Tiven a sorte -penso que boa- de nacer nun ambiente familiar onde a lectura do xornal era case tan importante como tomar o almorzo. Xa que logo, unha das cousas que recordo de ver na casa na miña primeira infancia é o diario e véxome aprendendo a ler nel da man da miña avoa Fortuna, que tiña moita paciencia para esas cousas. Logo, cando nos trasladamos de vivenda, da rúa do Socorro á de Magdalena, case na praza de España, as diarias paseatas de mañá e de tarde para ir ao colexio das Discípulas -primeiro en Gravina e logo ao carón do Parque- facían que pasase frecuentemente por diante das sedes ferrolás de El Correo Gallego -na rúa Real, enfrente de onde estivera desde o nacemento, que conservaba o grande rótulo, ata a súa marcha para Santiago- e de La Voz de Galicia, unha moi modesta delegación na rúa Magdalena, á altura da praza de Armas.
O neno que daquela era entendía que eran xornais ferroláns, mais logo descubriu que non eran tal. A nosa cidade estivo sen xornal de seu desde 1938 -cando unha empresa compostelá comprou o Correo e para alí o levou- ata 1969, cando apareceu o Ferrol Diario, cando eu daquela, por mor dos estudos, xa andaba máis por Santiago que pola cidade natal. Desapareceu -co nome mudado en El Norte de Galicia- en 1981. A cidade volvía quedar sen diario propio ata 1999, cando viu a luz o noso Diario, que, por sorte, está a cumprir o seu primeiro cuarto de século.
A vida levoume a residir -meses ou anos- en diferentes lugares, uns cantos, nos que nunca deixei de ler a prensa diaria, sempre procurei un xornal de referencia. En papel, que o da dixitalización aínda é relativamente recente e, ademais, non me presta ese tipo de lectura. Gusto de ennegrecer as mans co paso das follas.
Un bo día de 1998, nun dos anos en que viñera dar aulas a Humanidades, atopei a Luis Mera, que andaba en trámites para organizar un curso de verán co nome de Carlos Gurméndez, organizado polo Club de Prensa. Para adscribilo á Universidade coruñesa esixíanlle a dirección dun/dunha docente e preguntoume se estaba disposto a asumir esa responsabilidade, cousa que fixen durante 15 anos, primeiro na compaña de José Luís Tasset e logo de María Antonia Pérez. Logo fíxome socio do Club de Prensa, afiliación que me esixía colaborar na prensa e así comecei a facelo cando o Diario aínda era recente. E daquela a hoxe. Primeiro, de xeito esporádico e, pouco despois, de xeito semanal. A partir dese momento, o Diario converteuse na miña primeira fonte de información de cada día. Léoo mentres almorzo o meu café con seis galletas e bótoo en falta cando estou de viaxe, porque, como dixen, gusto dos xornais en papel. Longa vida, pois, ao Diario de Ferrol.
Xosé María Dobarro é catedrático de Lingua Galega e Literatura