Estimados/as amigos/as do Diario de Ferrol:
É para min un honor e un privilexio poder dirixirme a todos e todas vostedes nesta data tan sinalada e poder expresar en nome da comunidade universitaria do Campus de Ferrol e da Universidade da Coruña a nosa máis sincera e sentida felicitación.
O Diario de Ferrol, de agora en diante Diario, ten desenvolvido nestes 25 anos un papel fundamental para manternos informados e informadas, dun xeito rigoroso e veraz, das novas máis importantes tanto da nosa cidade coma da contorna.
Neste tempo, a Universidade da Coruña e, máis concretamente o noso campus, ten cambiado moito. Se botamos a vista atrás moi poucos recordaremos como era o campus hai 25 anos cando o Diario comezaba a súa andaina. De antigo hospital naval a ser un campus verde cun xardín botánico que alberga no seu interior o coñecemento e a tecnoloxía que lle ten permitido especializarse como o primeiro campus especializado do Sistema Universitario de Galicia, o Campus Industrial de Ferrol.
Tamén teñen cambiado as nosas titulacións, en Enxeñería, Ciencias da Saúde, Humanidades ou Ciencias do Traballo, incorporándose formación punteira e de calidade naqueles sectores emerxentes ou consolidados xa na comunidade, como poden ser os videoxogos ou o téxtil. Nese senso, o Diario ten sido un aliado fundamental para darlle visibilidade á nosa oferta formativa, colaborando con nós no labor de atraer alumnado novo ás nosas aulas, un estudantado que, nunha alta porcentaxe, rematará vinculado profesionalmente a algunha das empresas da nosa contorna.
O Diario ten contribuído ademais a dar a coñecer a investigación e a transferencia, actuando como unha ponte sólida entre a universidade a comunidade e o tecido produtivo, amosando o labor que o noso persoal investigador realiza día a día desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Nun campus inmerso na cidade como é o noso, é moi importante que a poboación sexa coñecedora de toda a innovación que se está a desenvolver neste espazo, tan relacionada coas necesidades da industria da contorna en eidos coma os da enxeñería naval e ‘offshore’, a xestión de procesos industriais, os materiais ou a robótica, entre outros, e de como esta contribúe ao desenvolvemento da industria e da sociedade ferrolá.
Tamén recoñecemos e valoramos o papel crucial que o Diario ten desempeñado na consecución dos nosos obxectivos como campus de especialización, o Campus Industrial de Ferrol. A cobertura dos nosos proxectos, programas e logros ten sido moi relevante para acadar os nosos indicadores no eido da comunicación e no do posicionamento dun campus que pretende achegarse cada vez máis á sociedade facéndoa partícipe de cada un dos seus logros pero tamén dos seus retos.
Agradecemos tamén o labor do persoal do Diario, aos fotógrafos, que xa case forman parte da nosa familia, e ao persoal da redacción, a os e ás xornalistas que nos teñen dado palabra e visibilidade dun xeito tan impecable.
Por todo isto, os 25 anos do Diario de Ferrol son unha celebración para nós tamén, porque a través das súas liñas e das súas fotografías temos medrado xuntos para ser o que hoxe en día somos. Desde o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña desexámosvos un feliz aniversario. Felices 25 anos, Diario de Ferrol!
Ana Ares Pernas é vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social