Misas

Se en vez de ser ateo -como son- fose católico, podo asegurar que, en cumprimento dos preceptos da igrexa, asistiría regularmente a misa, agás por motivos de forza maior. Así o fixen mentres non perdín a fe que algún día, e por imposición, tiven. A verdade é que xa nin me acorda. Xa que logo, estando nunha cidade allea podería terse dado o caso de que, casualmente, acabara nunha ceremonia en lembranza e honra dun sanguinario ditador e do fundador dun partido fascista, Francisco Franco e José Antonio Primo de Rivera. Por certo, lembro que cando os nenos do meu tempo estudabamos no Instituto, cada 20 de novembro nos levaban a San Xiao a unha misa polo chamado ausente, rito do que, xa na adolescencia, me escaqueei sistematicamente.


E, de ser crente, poderia ter entrado nunha igrexa onde se estivese celebrando unha misa por Franco e por José Antonio, porque, como modesto e anónimo xubilado que son, non teño que andar medindo os meus pasos, podo entrar onde me pete sen ter que dar maiores explicacións. Mesmo así, unha vez dentro dun lugar, de ver algo que me ofreza dúbidas, sempre podo marchar e acabou a historia. E, a dicir verdade, aínda que non frecuente as igrexas -algunha vez podo ir a un funeral- teríame chamado a atención a presenza de dúas coroas de loureiro diante do altar. Algún motivo habería para unha anomalía dese tipo. E, chegados a ese punto do posible porqué das coroas, non semellaría nada estraño pensar que, sendo 20 de novembro, aquela misa podería estar dedicada aos falecidos nese día Franco e José Antonio. Simplemente, porque é algo que se repite cada ano. E á vista diso, o que eu tería feito -de ter estado alí por despiste- sería abandonar discretamente o recinto.


Mais, como o señor Casado non é un modesto cidadán de a pé, é de supor que non debe nin pode entrar onde lle pete, para iso anda con protección. E se o señor Casado quería cumprir co seu compromiso relixioso hai que entender que podería facelo, iso si, despois de que os responsables da súa seguridade tivesen a certeza de que o lugar non ofrecía problemas. E se fixeron tal cousa, como sería a súa obriga, terían que ter visto o despregue -non excesivo, por certo- de simboloxía franquista, dentro e fóra do templo, e terían que llo ter comunicado ao presidente do PP para que obrase en consecuencia.


Xa que logo, non parece probable que a presenza do señor Casado na granadina igrexa do Sagrario fose casual. É posible que non estivese premeditada, que se vise metido no allo e decidise quedar para non dar pé ás críticas de parte dos seus, que, obviamente, lle teñen que preocupar máis que as dos contrarios.

En calquera caso, a foto publicada en twitter polo mozo que o acompaña nela dá que pensar. Cando foi tomada? Antes ou despois da misa? Se foi antes hai que entender que o rapaz tamén chegou tarde á cerimonia -como di o PP que fixo Casado- e que algo lle comentaría. Se foi despois -aparentemente o máis probable-, resulta pouco crible que o presidente do PP non escoitase o canto do “Cara al sol”, que, segundo parece probado, se entoou na porta do templo. En fin. El non quería, mais... acabou estando.

Eu, mentres tanto, viaxaba cara á Malata para ver a incontestable vitoria do Racing fronte o Celta B.

Misas

Te puede interesar