25 N todos os días do ano

|

A antoloxía de titulares que cada demasiado pouco tingue de negro as páxinas dos xornais é un claro indicador de que queda moito por facer. As mortes e a violencia de xénero resístense a dar marcha atrás, e mesmo hoxe en día persiste un volume considerable de persoas novas que pensan que a violencia machista é un concepto inventado e irreal. Hai tempo que a sociedade espertou e mira por fin cara a cara ao monstro, mais non por ollar así a violencia diminúe no grao preciso. Nin é fácil nin será rápido, porque o certo é que a realidade só se lle mostra a quen a quere ver, mais o problema está en quen non a percibe. Porque non pode ou porque non quere.


O 25 de novembro é o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Mais non chega un día para achegármonos a unha meta tan necesaria como distante, temos que facerlle fronte todos os días do ano. Esta mesma semana a concelleira de Benestar Social da Coruña, Yoya Neira, anunciaba un ambicioso programa de actividades formativas que apuntaba cara a base, cara a formación e a concienciación en idades temperás, nesas idades nas que o problema da violencia arraiga cando ten terra fértil, mais nas que aínda é facil tomar outros camiños.


Só empezando por abaixo poderemos solventar, nas vindeiras xeracións, o problema que hoxe, e desde hai demasiado tempo, estamos a vivir. Porque está máis que demostrado que é moito máis complexo mudar o que xa está feito que facelo ben desde o principio. Sen desbotar ningún campo de batalla nesta loita, só solucionaremos esta lacra, no longo prazo, traballando cos máis pequenos, coas familias, incidindo a diario nunha necesidade que ten que ir moito máis alá do 25N.


Ao longo da historia, todas as civilizacións que perduraron no tempo dotáronse de códigos legais para desterrar o uso da violencia no ámbito das relacións sociais. Foi o Partido Socialista o primeiro en facerlle fronte a este drama, lexislando contra él, coa lei integral de violencia contra as mulleres. Mais a loita contra a violencia machista ten que se dar tamén noutro campo de batalla, no da educación e a formación xa que só este camiño nos permitirá enfocarnos na prevención e rexeitar e identificar actitudes violentas antes de que se produza o dano irreparable. No combate contra a violencia hai moitos camiños, mais non hai atallos. Teñámolo claro e traballemos sen descanso para chegar, por fin, á sociedade que queremos.

25 N todos os días do ano