Poesía, vídeo e son en “Algo que levar á boca”, a nova peza do colectivo Rompente

Poesía, vídeo e son en “Algo que levar á boca”, a nova peza do colectivo Rompente
Reixa, Avendaño e Romón forman o colectivo Rompente | a.i.

Logo do seu paso por outras sete localidades galegas, o colectivo “Rompente. Grupo de Comunicación Poética” pechará hoxe en Ferrol a xira da súa nova proposta, “Algo que levar a boca”. Os tres integrantes da formación, Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel M. Romón subirán esta tarde (20.30 horas) ao escenario do Jofre para achegar ao público esta proposta interdisciplinar na que se mestura poesía con proxeccións audiovisuais.


Os tres activistas da cultura galega ofrecerán así un recital de máis dunha hora de intensa palabra poética articulada con accións escénicas, xestuais e construíndo unha polifonía de voces “na máis pura esencia do histórico e vangardista Rompente”, avanzan.


“Comezamos en 1976 e estivemos facendo cousas ata 1983. Cando o deixamos, refuxiámonos noutras actividade. Aquela época, que coincidía cos primeiros tempos da autonomía, en Galicia predominaba unha especie de lirismo veneciano. Co paso dos anos, deu a volta. A poesía galega actual ten moitas cousas coas que nos sentimos identificados. É un momento idóneo para volver a xuntarse e seguir experimentando”, afirmaba recentemente Reixa. O espectáculo que se poderá ver esta tarde inclúe a meiranda parte dos textos do libro “Que ostia din os rumorosos?” (Editorial Elvira, 2021), un volume de poesía ilustrado por Menchu Lamas e Antón Patiño con poemas inéditos, na súa maioría, dos tres creadores do colectivo.


A entrada para o espectáculo, que conta coa colaboración da Xunta e do Xacobeo 21-22, é gratuíta –hai que retirar convite–.

Poesía, vídeo e son en “Algo que levar á boca”, a nova peza do colectivo Rompente

Te puede interesar