Ortigueira pon en valor un ano máis a produción local de mel e mazás

Ortigueira pon en valor un ano máis a produción local de mel e mazás
A feira reuniu a preto de cincuenta postos de artesanía e alimentación na alameda de Santa Marta | jorge meis/concello

Consolidadas xa como encontros de referencia nos seus respectivos eidos, a 32ª Feira do Mel e a 6ª Feira da Mazá de Ortigueira volveu poñer onte en valor o produto local nunha cita que reuniu a preto de cincuenta postos de artesanía, alimentación e maquinaria agrícola na alameda de Santa Marta. Este foi o epicentro dun programa desenvolvido durante todo o día no que tamén houbo espazo para achegarse ao proceso de elaboración da sidra; degustar os saborosos petiscos preparados pola asociación “Entre fogones” a partir destes dous produtos; deleitar o padal coas elaboracións con mel de Noela Torres; e participar nos cinco sorteos de cestas con produtos da feira.

“A través deste encontro, que configura unha verdadeira aposta polos nosos produtores e produtoras, desde o goberno local tamén buscamos impulsar a economía local, que se verá beneficiada pola xente que nos está a visitar ao longo de toda a xornada”, salientaba onte o alcalde da vila, Juan Penabad Muras. A cita estivo organizada polo Concello e a delegación de AGA na comarca do Ortegal coa colaboración de Entre Fogones e Erica Mel.


Actividades


Os visitantes, que foron moitos ao longo do día –a feira desenvolveuse desde as dez da mañá e ata as oito da tarde–, puideron comprobar, entre outras cousas, a gran variedade e calidade de mel e de mazás, achegadas por productores procedentes, na súa meirande parte, do propio municipio, aos que se sumaron algúns chegados doutros concellos.

O responsable da delegación de AGA (Asociación Galega de Apicultura) do Ortegal, Manuel Rodríguez, salientaba onte o recoñecemento do que goza o mel da comarca, con dous produtores membros do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. “Temos un socio con preto de 400 colmeas”, di. Salienta así mesmo o interese que moita xente nova está a mostrar pola apicultura, con gran tradición na vila. Así quedaba de manifesto onte na feira na gran pantalla instalada na alameda na que se ían sucedendo as imaxes relativas a algunhas das edicións anteriores dun encontro que supera as tres décadas de vida.

E aínda que este ano o clima non axudou á produción do mel na zona de costa, en montaña a campaña foi boa, o que axudou a salvar unha temporada na que, segundo AGA, tamén axudou a menor carga de velutina.

A climatoloxía si favoreceu, pola súa banda, á mazá, que ten no frío o seu mellor aliado. Mais poden influir tamén outros factores. “Normalmente as mazás danse un ano si, e outro non. E normalmente cargan os anos impares”.


Campo de ensaio


Así o destacaba onte José Luis Doce, propietario dunha finca situada na parroquia de San Claudio e convertida desde hai cinco anos en campo de ensaio para o proxecto Maeloc, a marca de sidra de Hijos de Rivera, que potencia especialmente o cultivo da mazá ecolóxica traballando man a man cos agricultores implicados no programa.

É o caso de Doce, que vén de entregar á firma galega produtora de Estrella Galicia uns 5.000 kilos de mazá correspondentes á campaña deste ano. No seu terreo, dunha hectárea de extensión, ten plantados na actualidade unhas trescentas árbores –110 foron sementadas hai cinco anos, cando iniciou o contrato coa empresa cervexeira galega e o resto hai tres anos– e máis dunha decena de variedades desta froita. “Nesta zona deuse a mazá toda a vida e esta feira permite coñecer a gran produción que hai. En cada nova temporada saen de Ortigueira entre 80 e 100 camións con toneladas de mazás que van para Asturias e para o País Vasco”, apunta. As que el produce na súa finca para Hijos de Rivera, en virtude do contrato que mantén coa empresa, teñen como destino Chantada (Lugo), onde está a fábrica que produce as diferentes variedades da sidra Maeloc. 

Ortigueira pon en valor un ano máis a produción local de mel e mazás

Te puede interesar