A obra “Libre como os paxaros” sobre a vida e obra de Rosalía de Castro chega hoxe ao Jofre

A obra “Libre como os paxaros” sobre a vida e obra de Rosalía de Castro chega hoxe ao Jofre
María Barcala interpreta a Rosalía

A actriz María Barcala ponse na pel de Rosalía de Castro para achegar ao público a vida e obra da ilustre autora galega na peza “Libre como os paxaros”, da compañía Teatro do Atlántico. A montaxe chega esta tarde ao teatro Jofre (19.30 horas) nunha función totalmente gratuíta e impulsada polo Concello de Ferrol, desde a área de Normalización Lingüística.


A peza, que bota man das obras da propia Rosalía para percorrer o seu traballo, permitirá compartir co público as particularidades da súa orixe, do seu pensamento e compromiso cos acontecementos protagonistas na sociedade do seu tempo. Pon así sobre o escenario unha muller que “declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar”, salientan desde a propia compañía.


Unha muller, engaden, que “denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria”. Esa é a Rosalía de Castro que hoxe, interpretada por María Barcala, se dirixirá ao auditorio do Jofre para facer un percorrido pola súa vida.

A obra “Libre como os paxaros” sobre a vida e obra de Rosalía de Castro chega hoxe ao Jofre

Te puede interesar