As cifras de peregrinos superan en outubro ao mesmo mes de 2019

As cifras de peregrinos superan en outubro ao mesmo mes de 2019
O número de camiñantes descende segundo se achega o inverno, pero iso non impide que haxa quen desafíe ao frío e á choiva | jorge meis

A recuperación do Camiño Inglés tras a pandemia de coronavirus parece consolidada, xa que de novo, e como acontecera por primeira vez en setembro, os datos de peregrinos do mes de outubro superan aos do mesmo mes de 2019, antes da emerxencia sanitaria. Segundo os datos que publica a Oficina do Peregrino, dependente da Catedral e que outorga as credenciais, un total de 1.568 persoas chegaron a Santiago de Compostela procedentes de Ferrol o mes pasado. Hai dous anos, este número era de 1.218 persoas, polo que agora suman 350 individuos máis. O ano pasado, 2020, está fóra de calquera comparación, posto que a pandemia estaba plenamente activa e situabámonos ás portas de novos peches. Malia todo, foron 525 os camiñantes que saíron da cidade naval.


Os números, porén, son menores que os do mes pasado, algo lóxico tendo xa rematado o verán e avanzando cara ao inverno. En setembro deste ano foron 1.996 os peregrinos.


A vantaxe destes meses sobre os de 2019 non é algo xeralizado, posto que durante boa parte deste 2021 aínda pesou moito a pandemia. Iso fai que, no cómputo total, estéase lonxe de sumar as cifras de hai dous anos. Daquela, nos doce meses, foron 15.099 as persoas que saíron de Ferrol e selaron a súa credencial na Oficina do Peregrino. 2020 empezaba batendo récords e cunha tendencia clara a superar ese dato e obter número históricos pero a liña ascendente truncouse. Neste 2021, polo de agora, son 9.762 os peregrinos totais, á espera de cantos máis se poidan sumar nos meses de novembro e decembro, que xan non adoitan ter tanto movemento.


Consolidación

Á marxe das cifras, o que subliñan estas estatísticas é a posición de privilexio de Ferrol en canto a punto de partida para facer a ruta. En outubro foi o quinto lugar preferido para comezar a andar, por detrás de Sarria (8.047 peregrinos), Saint Jean Pied de Port (2.705), Oporto (2.193) e Tui (2.155).


O Camiño Inglés conta tamén con outro punto de arranque na Coruña. En total, desde ambas urbes, sumou 1.620 peregrinos o pasado mes (52 persoas saíron desde a cidade herculina) e sitúase como o cuarto trazado preferido, por detrás do poderío do Camiño Francés (16.721 persoas), do Portugués (6.669) e do Primitivo (1.635).


A importancia crecente desta ruta como recurso turístico apóiase no aumento de prazas en albergues e hostais e no desenvolvemento de iniciativas tamén desde o ámbito público, como o paquete turístico que busca que pernocten en Ferrol con descontos en gastronomía e actividades ou o proxecto de construír un albergue na Casa do Mar.

As cifras de peregrinos superan en outubro ao mesmo mes de 2019

Te puede interesar