FeC e BNG acusan á Xunta de esquecerse de Ferrol nos orzamentos autonómicos

FeC e BNG acusan á Xunta de esquecerse de Ferrol nos orzamentos autonómicos
O portavoz de FeC, Jorge Suárez e o voceiro nacionalista, Iván Rivas

A valoración que fan os grupos municipais de Ferrol en Común e do Bloque Nacionalista Galego dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano dista moito de ser tan positiva como a mostrada polo Partido Popular esta semana. De feito, o portavoz nacionalista, Iván Rivas, afirma que ao seu homólogo popular, José Manuel Rey, “debería caerlle a cara de vergoña” por defender unha proposta de orzamentos que, ao seu entender, deixa moito proxectos sen consignar.


FeC considera, de forma xenérica, que “estas contas autonómicas non dan resposta aos problemas nin ás necesidades dos millóns de galegos e galegas que acaban de padecer unha crise sanitaria e seguen padecendo as consecuencias económicas da mesma”. Deberían ser “moito máis contundentes e ambiciosos”. Critican ademais que non se compatibilice o cobro da Renda de Inclusión Social de Galicia co Ingreso Mínimo Vital.


No que se refire a Ferrol, o grupo do ex alcalde Jorge Suárez subliña que a Xunta non exerce as súas competencias en materia de emprego e de industria para actuar sobre a situación que vive a comarca. “A Xunta de Galicia ten competencias autonómicas en materia de industria que leva anos sen executar e que non inclúe para os orzamentos de 2022”, apuntan. Denuncian que non hai partidas para plans de emprego ou de recuperación industrial.


Sobre a sanidade, critican que non se melloren as condicións laborais do persoal nin as da Atención Primaria, centrándose no Plan Director do Marcide pero sen que apareza consignada a inversión para o centro de saúde de San Xoán.


O que consideran abandono das instalacións deportivas de titularidade autonómica ou a falta de fondos para un estudo dos fondos mariños da ría son outras evias que detecta Ferrol en Común no proxecto de orzamentos. Consideran que é un “panfleto propagandístico cheo de promesas que nunca se cumpren”.


O BNG coincide en varios aspectos con esta crítica. Denuncian que o Pacto de Estado para Ferrol non “era máis que un engano” e que “aqueles supostos incrementos de investimentos na cidade para paliar a situación que estamos a vivir non eran máis que mentiras”.


O portavoz do BNG, Iván Rivas, considera que os orzamentos para Ferrol son “inexistentes” e que, no mellor dos casos, “son os que se consignan ano tras ano pero nunca se executan”.


Segundo detalla a formación nacionalista faltan partidas para o saneamento do rural (100.000 euros que xa existían non 2021 fronte aos nove millóns que implicaría o proxecto), non hai cartos para o estudo da situación dos fondos da ría e esquécese dos fondos para o centro de saúde de San Xoán. Critica ademais que se “saque peito” polo investimento para botar a andar a estación intermodal, cando esta inversión é de 154.000 euros, “o que demostra a nula intención de mellorar a mobilidade por parte da Xunta na cidade”.

FeC e BNG acusan á Xunta de esquecerse de Ferrol nos orzamentos autonómicos

Te puede interesar