Novo marco de negociación e flexibilidade

Antes de fin de ano teremos nova lexislación laboral, segundo a Ministra de Traballo, na que ademais de eliminar aspectos negativos do texto actual tratariase de adaptar a normativa a este tempo histórico, no que atinxe á negociación colectiva e a unha maior flexibilidade na produción e os servizos. Polo tanto, fican moitos interrogantes respecto de cal será o texto acordado entre patronal, sindicatos estatais e Governo, e se contará co apoio de todos. Considerando a última actitude da CEOE todo indica que se está afastando da chamada Mesa de Dialogo Social. Trátase dunha medida de forza para amosar que rexeita na nova normativa calquera paso atrás nas vantaxes que lles outorgaron as reformas laborais (de Zapatero e Rajoy). O sexa, que non lles valería un pacto a medio camiño. Se cadra tamén busca recolocarse por se a dereita governa proximamente.


Negarse a avalar o aumento de 15 euros no SMI, por debaixo do medre do IPC, carece de argumentos. Dicir que reduce as contratacións e fai inviábeis moitas pequenas empresas, choca coa realidade. Cun aumento que superou o 20% no ano 2019 creouse máis emprego, medrou o consumo e o PIB. Os problemas actuais das pequenas empresas derivan do aumento do prezo da enerxía e das materias primas, dos efectos da pandemia e da especulación, e sobre todo da concentración dos beneficios nas grandes corporacións. A cuestión está polo tanto non só no reparto do PIB entre o capital e o traballo, senón tamén de como este reparto se realiza entre os autónomos/as e pequenas empresas, por unha banda, e as corporacións transnacionais pola outra. A solución non é baixar os salarios, xa que reduce o consumo e a actividade.


Que quere dicir a Ministra cando propón modernizar a negociación colectiva?... Non deberían formar parte da negociación todas as centrais sindicais máis representativas, como ELA-STV e a CIG?... Como punto de partida deberíase recuperar a ultra-actividade nos convenios, privilexiar o de sector ou empresa en función das condicións máis beneficiosas para a clase traballadora, xa que é a parte máis débil na negociación, que os ERE teñan que ser aprobados polo Ministerio, etc. Seica o governo quere alargar os contratos fixos-descontinuos a actividades que necesitan man de obra estacional (servizos, agro, etc). Cómpre valorar a normativa, para alén de que se reduza a nivel estatístico a eventualidade. Non se pretenderá impoñer unha bolsa horaria condicionando a vida dos traballadores/as? Son temas nos que é inadmisíbel que non se coñezan os textos de partida, as posturas.

Novo marco de negociación e flexibilidade

Te puede interesar