Circulación

|

Seica o problema da circulación non só afecta a Ferrol, senón a todas as cidades de certa importancia, pois non dan absorbida a produción de vehículos a motor, mentres as posibilidades de estacionamento tenden a diminuír, xa que as estratexias municipais van no xeito de facilitar o movemento peonil, o que merece o agradecemento dos que non dispoñen de máis medios que as súas pernas. Mais na nosa cidade, non parece moi coherente peonalizar certas zonas urbanas, mentres noutras, os turismos, furgóns de reparto e camións circulan e aparcan enriba das beirarrúas, provocando a rotura das mesmas, derribo de “bolardos” incluído, co dobre perigo para os peóns: un, pola presenza dos vehículos e outro, polas posibles caídas a causa dos buratos da deteriorada vía, que o Concello non se ocupa de reparar. Unha posible solución sería impoñer a circulación nun só sentido e permitir o estacionamento en ambas as dúas beiras, pois así, os propios coches estacionados servirían de protección para os viandantes; ademais habería que prohibir a circulación de camións de grande tonelaxe en toda a zona urbana e non só no centro. Por certo, hai que louvar o civismo e a profesionalidade dos condutores do servizo público, que respectan sempre as beirarrúas. Desde aquí, un agarimoso saúdo a todos eles. Grazas amigos.

Circulación