a creación da luz segundo o libro do Xéneses foi o primeiro no que Deus pensou para a creación do Mundo, e cando Deus pensou nisto é que tiña o convencemento de que a luz era esencial para o desenvolvemento da vida do ser humano que crearía despois, así que denantes de se meter en semellante proxecto era cousa de facelo ben e entón foi cando proclamou: ¡Fágase a Luz! ( con maiúscula porque como queda dito, non era cousa menor) e a Luz fíxose, xa está. E puxo aí ao Sol como lámpada que maila dar luz tamén daba calor. O das eléctricas viría despois.
Pero Deus, coa toda súa boa vontade, non chegou a pensar que o ser humano íalle a saír un pouco pillabán e interesado en explotare aquilo que El había creado antes de nós. E ao ser humano doulle tamén a capacidade de pensar e este pensou que iso da luz podería ser un negocio a teren en conta de aquí en adiante e púxose a cavilar no asunto. ¡Quen lle iría a dicir a Deus que íamos chegaren a este extremo, e que a Luz pasaría a ser un ben de primeira necesidade e xa que logo materia prima de especulación e boiante negocio. Que quede claro que Deus nisto do negocio e a especulación non ten nada que ver: sinxelamente deixounos facer.
E naceron as empresas eléctricas, creacións dos galopíns que viron na luz un negocio, un produto que se vende, e eu no serei dos que diga que non se venda pero home, un certo control nisto dos prezos si que habería que manter. Chegaron a inventaren un imposto ao Sol, como se o Sol fose deles, e de aí a poñeren un prezo ao megavatio hora semellante ao do mellor caviar de esturión, e dicir: un ben de primeira necesidade a un custo de luxo.
Entrementres acontece isto, quen debera poñer coto a este latrocinio, os gobernos, miran para outro lado. Non é casualidade que expresidentes e exminitros/as acaben nos consellos de administración das eléctricas. Se pensamos niso vemos que resulta ben curioso como cargos gobernamentais que estaban aí defendendo (teoricamente, claro) os dereitos da cidadanía, da noite á mañá pasen a defenderen os intereses dos accionistas das empresas en cuxos consellos de administración atoparon abeiro. Nisto non hai diferencia entre a dereita e a esquerda. A vivir que son dous días e o que veña detrás que arree.
Di Blas de Otero no seu poema “Nos llamarán”. Vendrán por ti, por mi, por todos/ Aquí no se salva ni Dios/ lo asesinaron” Van a por nós sen remisión: estamos nas súas mans. ¡Que Deus nos axude!