Sesións de portas abertas nas Escolas Culturais do Padroado de Narón

|

As persoas interesadas en achegarse ás actividades desenvolvidas polas Escolas Culturais Municipais do Padroado de Narón terán esta semana a oportunidade de participar nas xornadas de portas abertas nas que se lles facilitará información sobre o traballo a desenvolver durante todo o curso.

Mañá luns, no Auditorio municipal (situado na Praza de Galicia) amosarase a actividade da Escola de Pandeireta e canto tradicional –ás 18.00 horas para as modalidades infantil e xuvenil e ás 20.00 horas para adultos–. Tamén mañá, no Pazo da Cultura, haberá unha xornada da Escola de Bailes de Salón (danza coreográfica) ás 18.00 horas; ás 19.00 horas outra da Escola de Construción de instrumentos de percusión tradicional; e ás 20.15 horas as de Acordeón e Zanfona.

Para o martes programáronse sesións nas restantes propostas, podendo elixir entre as de Cultura Tradicional para peques (3 e 4 anos), que será no Pazo ás 17.00 horas; Debuxo, na Casa da Cultura ás 18.00; Baile tradicional, no Auditorio municipal, ás 18.00 para alumnado de Infantil e Xuvenil e ás 20.00 para Adultos; Escola de Teatro (obradoiros infantís e xuvenís), no Auditorio ás 18.30 e da Escola de Formación de Actores e Actrices e Obradoiros de Adultos ás 20.00 horas –tamén no Auditorio- e da Escola de Gaita e Percusión, no Pazo ás 19.00 horas.

Estas xornadas teñen como obxectivo “dar a coñecer o traballo que se realiza nas Escolas Culturais Municipais, ofrecendo ás persoas interesadas a posibilidade de que acudan a unha primeira clase para coñecer ao profesorado e tamén os contidos de cada actividade”.

Así o salientou o concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, que animou á cidadanía a acudir a estas sesións. Lembrou tamén que o prazo de matrícula para participar durante o curso nalgunha destas propostas estará aberto ata o día 25 deste mes nas oficinas do Pazo.

Poden ser tramitadas, según se informou, de luns a venres entre as 9.00 e as 13.30 horas e de 17.00 a 19.00 horas, e tamén os sábados de 10.00 a 13.00 horas. 



Música para o público máis cativo en Freixeiro da man da “Festa do Apego”
O público infantil e familiar tivo a oportunidade de gozar onte en Narón, no parque do Río Freixeiro, dunha intensa xornada co gallo da “Festa do Apego”, organizada polo Concello. Recoñecidos grupos e músicos como Mamá Cabra, Xarope Tulú e Pakolas animaron o ambiente con funcións que se prolongaron durante todo o día para levar a diversión ao contorno do parque naronés. foto: jorge meis


Sesións de portas abertas nas Escolas Culturais do Padroado de Narón