Permítanme un apunte persoal. Ter vacinadas ás fillas axuda a unha maior tranquilidade, máis cando hai non tanto o presidente Feijóo dicía que non chegaban vacinas suficientes desde o Goberno de España, xunto con ese estraño sistema de auto-cita para xente moza que estaba colapsado e nada sabiamos do que ía pasar antes de comezar o novo curso académico.
O problema, talvez, radica en que a Xunta de Galicia é sobre todo unha oficina de propaganda e, para maior gloria de Pablo Casado, Feijóo está nunha dura pelexa coa señora Ayuso, nesa pretensión por ocupar o liderado do PP estatal. Así que unha boa parte do que acontece débese a esa necesidade que teñen de baterse, porque no que si están en sintonía, tanto a presidenta madrileña como o galego, é en usar a pandemia para facer máis recortes, tanto na sanidade como na educación públicas. Aínda non asumiron que o seu modelo quedou zarandeado neste tempo.